O Concello prepara varios proxectos ambientais por un importe próximo aos 390.000 euros
16-06-2020
A Concellaría de Servizos e Medio Ambiente de Fene concorre con tres solicitudes ás axudas convocadas pola Xunta de Galicia para levar adiante distintos proxectos de tipo ambiental no territorio. Trátase de iniciativas que apostan por unha xestión máis eficiente e responsable dos resíduos -implicando para iso á veciñanza- pero tamén pola renovación de equipamentos para a recollida e o tratamento. Ademais, o consistorio tamén se sumou ao Pacto europeo das Alcaldías para o Clima e as Enerxías sustentables con intención de reducir nun 40% as emisións de CO² e gases de efecto invernadoiro ao longo dos próximos dez anos. Como primeira medida -para a que tamén se agarda financiamento autonómico- farase unha diagnose do territorio acompañada dun plan estratéxico que marque o camiño que cumprirá seguir para cumprir ese obxectivo.
Tal e como se sinala desde a área de Servizos, a finalidade dos proxectos presentados ás dúas convocatorias autonómicas é introducir melloras ambientais centradas na redución, na reutilización e na reciclaxe, para o que será necesario seguir promovendo a concienciación veciñal pero tamén adquirir equipamento.
Así, o departamento marcou como prioridade reducir a proporción de materia orgánica na bolsa do colector verde. De feito, o orgánico é a fracción que máis penaliza o prezo da recollida e, ademais, é unha materia doada de reciclar e reutilizar en forma de compost. Nesa liña, o Concello ten previsto aumentar o número de composteiros dispoñibles no territorio colocando dous novos puntos de compostaxe doméstica, un no Xardín do Castro -en Perlío- e outro con cinco caixóns que irán dispostos ao carón da pista polideportiva de Sillobre, onde será necesario facer antes labores de preparación da zona.
O proxecto presentado a unha das liñas da convocatoria de axudas -cifrado en 256.471 euros- tamén prevé a merca dun novo camión compactador que mellore a recollida separada da fracción orgánica, ademais de permitir que o Concello lle dea o retiro ao actual vehículo, menos eficiente en termos ambientais e fonte de gastos constantes por mor de avarías. Na mesma convocatoria tamén se incluiu a adquisición dun punto limpo móbil co obxectivo de incrementar a recollida separada de certos residuos.
Por outra banda, o Concello tamén quere poñer á disposición da veciñanza un espazo dedicado á reparación por conta propia e o intercambio de todo tipo de obxectos -electrónica, mobiliario, bicicletas, pequeno e grande electrodoméstico, etc.-. Trátase dun proxecto de economía circular solicitado en colaboración co Concello de Cabanas que se situará no Polígono de Vilar do Colo. A previsión municipal é que o servizo se poida integrar nunha rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, coa finalidade de alongar a vida útil de múltiples aparellos que, doutro xeito, acabarían converténdose en refugallos domésticos que habería que tratar. O investimento ascende a 133.112,10 €, ive incluído.
En relación coa reciclaxe e a reutilización, desde a área de Servizos tamén informan que a apertura do Punto Limpo do Vilar do Colo cada vez está máis próxima, habida conta de que os municipios implicados xa alcanzaron un acordo sobre o modelo de funcionamento como paso previo á licitación da súa xestión.
Pacto das Alcaldías polo Clima e as Enerxías
Por último, o Concello de Fene tamén solicitou acollerse ás axudas reflectidas na Orde de 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía sustentable. Este pacto supón adquirir o compromiso de levar a cabo políticas e actuacións no ámbito municipal que signifiquen unha redución drástica das emisións de dióxido de carbono e doutros gases de efecto invernadoiro. O obxectivo incial é rebaixalaspolo menos un 40% no horizonte do 2030, para o que será necesario desenvolver un plan estratéxico que analice en primeiro lugar a situación de partida e, despois, as medidas transversais que se deberán adoptar.
A convocatoria -que finalizou este luns o prazo de presentación de solicitudes- está financiada por Europa no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.