O Concello obtén 29.330 euros do GALP para o desenvolvemento de "Fene Mar Vivo Plus"
19-06-2020
A Xunta Directiva do Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Gólfo Ártabro Norte publicou antonte a súa proposta provisional de distribución de fondos para o financiamento de proxectos produtivos e non produtivos durante o trienio 2020-22. Dentro destes últimos, o Concello de Fene presentara a iniciativa de dinamización "Fene Mar Vivo Plus", que se beneficiará dunha achega de fondos europeos de 29.330€. A axuda cubrirá o 80% das accións subvencionadas, que se deberán desenvolver durante o ano que vén.
A área municipal de Promoción Económica presentara un proxecto con seis actividades centradas na formación, na comunicación exterior e internet, na elaboración dunha historia do mar en Fene e na organización de eventos de dinamización e promoción, como por exemplo o Fene Indiano ou visitas con profesionais do mar a experiencias de éxito postas en marcha noutras zonas.
O montante total da estratexia ascendía a algo máis de 133.500 euros para executar neste 2020 e tamén no 2021. Finalmente, na primeira fase de adxudicación de axudas, o GALP aceptou financiar unha parte dos capítulos previstos para o ano que vén, que suman un importe subvencionable de 36.663 euros.
De acordo coa valoración técnica do Grupo de Acción Local -xestor técnico da distribución de fondos europeos FEMP- o total da achega situarase en 29.330€ -o 80% do total subvencionable-, que ha de executarse ao longo do ano 2021.
A Xunta Directiva do GALP Golfo Ártabro Norte ten aberto nestes momentos o prazo de cinco días para presentar alegacións á súa proposta de resolución provisional. Unha vez resoltas as alegacións a proposta de distribución dos fondos para proxectos produtivos e non produtivos elevarase a definitiva. Logo remitiráselle á Consellaría do Mar como organismo responsable de verificar o cumprimento da normativa europea e de efectuar o pagamento das axudas con cargo ao orzamento dispoñible.