Fene leva a pleno este xoves o convenio para xestionar o Punto Limpo en colaboración con Cabanas, Mugardos e Ares
02-07-2020
A posta en marcha do Punto Limpo do Vilar do Colo está cada vez máis preto. As instalacións levan construídas desde outubro de 2013 e desde aquela houbo varias tentativas de poñelas en marcha que non chegaron a callar, debido principalmente á complexidade administrativa de artellar un sistema de xestión compartido entre varios municipios. Agora as cousas están encamiñadas. O servizo conta cun regulamento de funcionamento consensuado e só falta que os catro municipios implicados -Fene, Cabanas, Mugardos e Ares- lle dean o visto e prace ao convenio de colaboración no que se pon negro sobre branco o reparto proporcional dos seus custes. Neles inclúense os gastos iniciais do estudo económico no que se sustentará a licitación da xestión indirecta do novo centro de recollida. Fene -cotitular das instalacións xunto con Cabanas- votará o documento no pleno ordinario convocado para a tarde deste xoves.
O convenio será un dos puntos centrais da sesión que arrancará ás 18.00h. O texto conta con oito cláusulas máis dúas disposicións adicionais que estruturan a colaboración intermunicipal na que, nun principio, tamén ía participar Neda.
O regulamento de uso -onde se recollen os tipos de residuos aceptados, o sistema de tratamento, os dereitos das persoas usuarias e outros aspectos do día a día- xa se publicou a finais do 2018 a instancias de Fene e Cabanas, que comparten a titulariedade das instalacións por estaren situadas nas entremedias dos dous concellos, na banda sur do Polígono do Vilar do Colo.
O convenio que se debe aprobar agora establece os criterios para soster economicamente o servizo, algo que se fará de forma proporcional segundo a poboación de cada territorio. Deste xeito Fene asumirá o 47,58% dos custes, Ares o 21,07%, Mugardos o 19,28% e Cabanas o 12,06%.
O acordo tamén sinala a xestión indirecta e conxunta por medio dun contrato de servizos. A licitación dese contrato administrativo basearase nun estudo económico realizado por Fene e Cabanas por un importe lixeiramente superior aos 4.100 euros que, ao abeiro do convenio, tamén será sufragado proporcionalmente polos catro municipios.
Do proceso de contratación pública encargarase directamente o Concello de Fene. Unha vez que se adxudique o contrato e o servizo empece a funcionar, a empresa emitiralle ao consistorio as facturas mensuais co prezo establecido. Pola súa banda, Ares, Cabanas e Mugardos deberán achegar as cotas proporcionais correspondentes antes do 20 de cada mes.
Prevese que o procedemento de licitación se inicie ao longo deste verán de cara a poder adxudicar o contrato no outono como moi tarde. Porén, antes de dar ese paso cómpre que os catro municipios ratifiquen en pleno o contido do convenio, algo que Fene someterá a votación este xoves. O texto do convenio está consensuado polos gobernos dos catro concellos e revisado polos servizos xurídicos de cada un deles, polo que a aprobación debería superar o trámite plenario sen maior problema e sen demorar o paso seguinte da licitación do servizo.
O convenio de colaboración significa o impulso definitivo ao Punto Limpo tras case sete anos de retrasos. Os principais beneficios que traerá aparellada a apertura das instalacións son unha mellor xestión dos residuos e un tratamento axeitado para moitos materiais que neste intre se están deixando na rúa, o que ocasiona un importante gasto para o Concello e un serio problema ambiental. Neste sentido desde o Executivo local avánzase que a posta en marcha do Punto Limpo tamén esixirá mudar hábitos, cambiar o "chip" para darlle uso e reducir o número de impropios, entullos e outros restos que van parar aos colectores ou a vertedoiros incontrolados.