Os concellos da banda sur da ría compartirán o programa de emprego xuvenil INICIA V
22-07-2020
Fene, Ares, Mugardos, Neda e Cabanas levarán a cabo a partir do 15 de setembro a quinta edición do proxecto formativo e de inserción laboral INICIA, dirixido a mocidade desempregada que queira mellorar as súas competencias de cara á súa integración no mercado laboral.
O proxecto está subvencionado pola Xunta e pola Unión Europea a través dos fondos do FSE. Ofértanse 16 prazas para mocidade de entre 18 e 30 anos que, obrigatoriamente, ha de estar empradroada nalgún dos cinco municipios e estar inscrita no programa de Garantía Xuvenil.
Para obter máis información pódese contactar coa área municipal de Formación e Emprego "Pacho Allegue" no 981 492 767 ou en orientacion.laboral@fene.gal.
A inscrición no programa de Garantía Xuvenil ha de facerse a través desta ligazón do Servizo Público de Emprego Estatal. Trátase dunha iniciativa de ámbito europeo que pretende facilitarlle formación á xente nova que non estea nin traballando nin estudando, co obxectivo de que lles sexa máis doado atopar un emprego. De feito, a base de datos da Garantía Xuvenil funciona tamén como unha bolsa á que poden recorrer as empresas para contratar mozos e mozas que se axusten ás súas necesidades.
Os requisitos da Garantía Xuvenil son os de ter entre 16 e 30 anos no momento da inscrición, non ter traballado nin recibido accións educativas/formativas, polo menos, ata un día antes de apuntarse no programa e, ademais, tamén cómpre presentar unha declaración expresa mostrando intrese en participar no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que significa comprometerse a aceptar as actuacións propostas dentro do programa.
O INICIA V comezará o 15 de setembro deste ano e prolongarase até o 14 de setembro de 2021 combinando a formación teórica e práctica. De novo volve ofertarse o curso de nivel 2 de fábrica e montaxe de instalación de tubaxes industriais, para o que se require -ademais da Garantía Xuvenil- ser maior de 18 anos e contar con estudos de ESO ou equivalentes.
Para o conxunto dos cinco concellos participantes hai dispoñibles 16 prazas: 7 para mozos e mozas empadroadas en Fene, 3 para Ares, outras 3 para Mugardos, 2 para Neda e 1 para Cabanas. Para cubrilas solicitaráselle un listado de aspirantes que reúnan os requisitos ao Servizo de Emprego Público de Galicia entre quen, posteriormente, se fará un proceso selectivo. Este mesmo procedemento será o que se siga para a seleccionar o profesorado do curso.
As persoas admitidas accederán a un contrato de formación e aprendizaxe de un ano de duración -en anteriores ocasións foron só 6 meses- que se desenvolverá no Centro Municipal de Formación de San Marcos. A parte práctica servirá, ademais, para fabricar equipamento destinado aos municipios. A Fene e Mugardos o obradoiro construiralles cadanseu palco desmontable e a Ares deseñaránselle e instalaránselle varios metros de novas varandas metálicas.
Para obter máis información sobre o Proxecto Inicia V pódese contactar coa Área de Formación e Emprego "Pancho Allegue" chamando ao 981 492 767 ou mandándolle un correo a orientacion.laboral@fene.gal. Desde o departamento destacan o interese desta iniciativa, coa que se lograron en anteriores edicións uns niveis de inserción laboral próximos ao 50%.