Clausura dos obradoiros de emprego Reinicia VI
30-07-2020
Coa entrega das acreditacións e certificacións profesionais ao alumnado, concluíron este luns os obradoiros de emprego Reinicia VI nas modalidades de “Atención sociosanitaria a persoas no domicilio” e “Traballos de carpintería e moble”. O programa, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, foi promovido polos Concellos de Fene, Mugardos, Ares, Cabanas e Neda. Unha vintena de persoas, das cales oito eran de Fene, tomaron parte nestes cursos que se desenvolveron no centro de formación e emprego Pancho Allegue de Fene – Nave de San Marcos (“Traballos de carpintería e moble”) e no centro de formación Francisco Vizoso de Mugardos (“Atención sociosanitaria”).
O Obradoiro de Emprego Reincia VI é un programa mixto de emprego e formación que naceu co obxectivo de mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas. No devir desta actividade, os/as participantes de ámbolos dous cursos contaron cun contrato de formación e aprendizaxe de nove meses (do 28 de outubro pasado ao 27 deste mes de xullo). A maiores, o alumnado do taller sociosanitario fixo prácticas en centros ubicados nos municipios participantes e o de carpinteria realizou distintas tarefas como a colocación de mobiliario urbán de madeira en Mugardos.