O Goberno local aposta por axilizar a xestión do actual orzamento e comezar 2021 con contas adaptadas á nova situación socioeconómica

O Goberno local aposta por axilizar a xestión do actual orzamento e comezar 2021 con contas adaptadas á nova situación socioeconómica

Seguindo a orde en que se trataron os puntos do pleno atopamos que, en primeiro lugar, a Corporación lle deu o visto e prace -coa abstención do PP- a unha modificación de crédito por valor de 317.000 euros. A operación aprobada consiste en mover a outros apartados aqueles importes previstos no orzamento que non se chegaron a gastar, como foron principalmente os que estaban reservados para sufragar consumos das instalacións deportivas e centros de ensino pechados pola crise sanitaria. 
 
Eses cartos aforrados poden agora transferirse a epígrafes do orzamento onde se cadra son máis necesarios. Neste sentido unha das partidas que sobe é a das subvencións en concorrencia competitiva para actividades relacionadas co ensino, a cultura e o deporte organizadas polos colectivos do municipio. O montante total pasa dos 81.000 euros reservados inicialmente a 121.500, o que supón un incremento dun 50%. Unha vez que a modificación orzamentaria entre en vigor, o Concello poderá lanzar a convocatoria das axudas, retrasada ata este momento tamén por causa da crise da COVID-19. 
 
A proposta de modificación de crédito tamén serviu para afrontar no orzamento os 55.600 euros que lle toca poñer ao Concello no proxecto de aglomerado do acceso a Vilar do Colo desde Limodre, cofinanciado pola Xunta. Tamén se recolle na proposta a merca dun programa informático de xestión de taxas e impostos -algo máis de 40.000 euros- e, por último, 72.292 euros para satisfacer o consumo enerxético dun dos bombeos da EDAR de Punta Avarenta.
 
Redistribución dos convenios nominativos
Por outra banda, o Goberno local  tamén sacou adiante en solitario un incremento das achegas nominativas, reforzando aqueles convenios que se suscribirán con entidades que desempeñaron -e desempeñan- un papel fundamental na xestión dos efectos da pandemia. É o caso de ASPANEPS, beneficiaria dunha axuda de 5.500€; da Asociación Dignidad, quen percibirá 5.000 euros por colaborar no programa municipal de alimentos; da ASCM, coordinadora da atención telefónica a persoas maiores (1.000 euros) ou o da Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil, a quen se lle outorgan 6.000 euros de axuda. Neste apartado inclúese por primeira vez a Asociación do comercio, a hostalaría e servizos de Fene "O Cruceiro", cunha achega de 10.000 euros para o desenvolvemento de accións que promovan o consumo nos establecementos locais.
 
Neste caso o pleno tivo que aprobar a modificación dun dos anexos das bases de execución do orzamento de cara a reequilibrar as cantidades fixas asignadas en 2019 a cada entidade. O cambio vén motivado porque, das 22 beneficiarias, polo menos cinco non van levar a cabo os programas que se lles ían financiar, 13 delas verán aumentada a axuda económica e as catro restantes percibirán a mesma cantidade que aparecía no documento orixinal.
 
A prórroga do orzamento manterase até comezos de 2021
Á variación das bases de execución do orzamento incorporáronse, ademais, cambios orientados a axilizar a xestión da economía municipal. Por un lado baixouse o nivel de vinculación das partidas co obxectivo de facilitar as transferencias entre elas sen necesidade de acudir ás lentas e complexas modificacións de crédito. Por outro tamén se estableceu que os contratos menores que excedan os 3.000 euros terán que contar con proposta razoada, polo menos tres orzamentos e adxudicarse por resolución da alcaldía. 
 
A finalidade destas medidas é mellorar o control e maila fiscalización do gasto, pero tamén elevar o nivel de transparencia na contratación pública, xunto cunha maior flexibilidade que permita xestionar o orzamento actual de maneira máis áxil.
 
A intención do Goberno local é continuar coas contas prorrogadas o que resta de ano e aprobar as novas  para que poidan estar en vigor a empezos de 2021. Entre as razóns que xustifican esta postura está a dificultade que houbo nos últimos meses para desenvolver un proceso de consulta e participación co tecido social do municipio e o feito de que polo momento se descoñeza canto vai durar a crise, cal vai ser o seu alcance estrutural e ata que punto a Xunta e o Estado apoiarán as economías locais de cara a adoptar accións que axuden a paliar os efectos socioeconómicos da pandemia.  As próximas contas municipais terán que estar moi ben pensadas para responder a ese novo escenario socioeconómico e, mentres, no que queda de 2020, o Executivo aposta por adaptar o orzamento vixente ás necesidades que vaian xurdindo por medio do trasvase de fondos entre apartados ou da incorporación de remanentes propios e achegas doutras Administracións. 
 
Case 148.000 euros de achega municipal para o POS+
No apartado económico tratado no pleno do mércores tamén cómpre mencionar  a segunda modificación de crédito aprobada -desta vez por unanimidade- para suplementar a contribución municipal ás obras do POS+ provincial. Son 147.965,51€ sufragados con remanentes líquidos de tesouraría que se dedicarán a tres proxectos: a substitución de carpintarías exteriores e o amaño dos aseos da Casa do Concello, á pavimentación e mellora de servizos da rúa Alcalde Gerardo Díaz e ao firme e o saneamento no lugar de Cornide.