Bota a andar o proceso selectivo do proxecto de inserción laboral Inicia V
11-08-2020
O Inicia V comezará o 15 de setembro deste ano e prolongarase até o 14 de setembro de 2021 combinando a formación teórica e práctica. De novo volve ofertarse o curso de nivel 2 de fábrica e montaxe de instalación de tubaxes industriais, para o que se esixe, no caso do alumnado aspirante, ter inscrición no programa de Garantía Xuvenil, ser maior de 18 anos e contar con estudos de ESO ou equivalentes.
Para o conxunto dos cinco concellos participantes ofértanse 16 prazas temporais: 7 para mozos e mozas empadroadas en Fene, 3 para Ares, outras 3 para Mugardos, 2 para Neda e 1 para Cabanas. Porén, o programa tamén precisará contratar catro perfís especializados que se encarguen da coordinación e de impartir as materias teóricas e prácticas. Así seleccionaranse dúas persoas a tempo completo -unha para dirixir o obradoiro e outra que imparta os contidos do certificado de profesionalidade- e dúas a media xornada, que se encargarán do ensino básico e da formación empresarial.
As persoas seleccionadas accederán a un contrato de un ano de duración -outros anos foron só 6 meses- que se desenvolverá no Centro Municipal de Formación de San Marcos. Esta acción de mellora da empregabilidade -que en anteriores edicións acadou un 50% de inserción laboral- tamén beneficiará indirectamente aos concellos promotores mediante a fabricación de distinto equipamento: a Fene e Mugardos o obradoiro construiralles cadanseu palco desmontable e a Ares deseñaránselle e instalaránselle varios metros de novas varandas metálicas.
Proceso selectivo
Para cubrir todos estes postos -tanto alumnado traballador como docentes- solicitóuselle ao Servizo de Emprego Público de Galicia un listado de aspirantes que reunan os requisitos establecidos nas bases, que poden consultarse e descargarse da web fene.gal.
O proceso selectivo farase mediante concurso, cunha parte que valorará os méritos e outra consistente nunha entrevista co tribunal cualificador, formado polos técnicos de emprego de Fene, Ares e Mugardos. Ao persoal docente e de dirección tamén se lle esixirá a acreditación do coñecemento da lingua galega, xa sexa presentando titulación CELGA 4 ou equivalente e, de non tela, superando unha pequena proba de tradución que non dará puntos pero que si cualificará como apto ou non apto.
Os concellos participantes no Inicia V xa empezaron a facer os chamamentos ás persoas que figuran no listado remitido polo SPEG -un mínimo de tres por cada posto ofertado- para informarlles da necesidade de presentaren a solicitude formal para participar no proceso de selección e a documentación acreditativa dos méritos. A instancia -dispoñible como anexo nas bases- ha de acompañarse dunha copia do documento de identidade, a copia da tarxeta de demandante de emprego e a copia da tarxeta da seguridade social, xunto cos documentos que avalen os criterios valorables en cada caso.
Toda esa documentación deberá achegarse antes das 23.59h. do día 19 de agosto ao Rexistro Municipal de Fene, xa sexa de maneira presencial, a través da Sede Electrónica ou por calquera outra vía admitida na normativa sobre o procedemento administrativo común. No caso de presentacións en persoa será obrigatorio solicitar cita previa nos teléfonos 981 061 034 - 671 508 166, en citaprevia@fene.gal ou a través desta ligazón.
Unha vez recibidas todas as solicitudes publicarase o listado provisional de persoas admitidas e excluídas, dando dous días hábiles para reclamacións ou emendas de erros. Superado ese trámite fixaranse as datas das probas, tralas que tamén se publicará o listado provisional de puntuacións obtidas con outro día hábil para posibles alegacións. Finalizado o proceso farase proposta de contratación entre as persoas con máis puntos, mentres que o resto que cumpran os requisitos entrarán formar parte dunha lista de agarda.