A Policía Local investiga a vertedura de pneumáticos usados en varios puntos do municipio
14-08-2020
Os pneumáticos usados están considerados residuos perigosos e, polo tanto, non poden depositarse nos colectores do lixo nin moito menos tirarse en calquera lugar. Deben ser tratados por empresas especializadas e, de feito, os talleres cobran unha pequena taxa de reciclaxe cada vez que lle cambiamos as rodas ao noso vehículo.
En Fene téñense rexistrado casos puntuais de cubertas usadas ao carón dos contedores e en lugares onde non deberían estar. Até o momento eran só iso, casos illados e de escasa importancia que o Concello tiña capacidade para recoller e enviar a tratar. Porén, tralo confinamento a área municipal de Servizos empezou a notar un incremento do problema, que nun primeiro momento ocasionou 2.500 euros en gastos de recollida e reciclado.
A situación complicouse aínda máis nas últimas semanas, xa que se contabilizaron máis dun cento de pneumáticos de distintos tamaños repartidos polas paradas da recollida do lixo de Limodre, da estrada da Armada, Sillobre, Barallobre e o Vilar do Colo. O alto número de rodas encontradas en tan pouco tempo racha con calquera estatística e co que poderíamos considerar como habitual. A área de Servizos sospeita de que se trate dunha vertedura ilegal masiva que se está facendo de maneira regular e organizada en distintos lugares para disimulala como casos puntuais. A Policía Local leva xa varios días investigando o asunto e reforzando a vixilancia.
Os pneumáticos usados son refugallos cun alto poder contaminante e desfacerse deles desta maneira ocasiona un grave problema ambiental e un importante gasto de recursos públicos. Ademais é unha conduta sancionable que vén recollida na normativa galega como infracción moi grave, con multas que van desde 301.001 ata 2.000.000 de euros.
Neste sentido, desde o Concello apélase á colaboración veciñal pedindo que se contacte coa Policía municipal ou coa Garda Civil no caso de que se presencien verteduras de rodas ou calquera outro residuo perigoso, sexa nos colectores, na vía pública ou en calquera outro lugar.