O comercio de Fene reedita esta fin de semana o seu outlet con descontos de ata un 70%
26-08-2020
O Concello volve colaborar co tecido comercial nunha cita adaptada este ano ás medidas preventivas da COVID-19
Arredor dunha trintena de establecementos de Fene ofrecerán durante toda esta fin de semana unha chea de oportunidades para facerse con todo tipo de artigos a prezos imbatibles. Será nunha nova edición do Outlet promovido polo comercio local -con colaboración da Asociación O Cruceiro e do Concello- coa que se quere darlle saída ao stock estival, pero tamén axudar á reactivación económica de moitos pequenos negocios afectados pola crise sanitaria. A diferenza doutros anos, neste 2020 a principal novidade vén dada precisamente polas medidas preventivas que se deberán poñer en práctica. As principais son que o xénero non poderá estar exposto na rúa e que tampouco se autoriza a instalación de carpas nas beirarrúas, senón que toda a atención ao público deberá prestarse no interior dos establecementos cumprindo cos aforos máximos e cos protocolos de hixiene.
A restrición no uso da vía pública vén recollida no informe de seguridade e prevención encargado polo Concello. Nel recoméndase que, na actual situación, se extremen as precaucións, evitando circunstancias que propicien as aglomeracións puntuais de persoas. A medida atende tanto á necesidade de protexer a quen acuda á chamada do Outlet como a residentes e transeúntes das rúas onde se vai desenvolver.
No interior dos negocios terán que seguirse tamén as normas preventivas no que se refire á hixiene de mans e respiratoria, aforos máximos e protocolos establecidos para cada actividade, resumidos nas guías sectoriais publicadas polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).
O Outlet de Fene desenvolverase o venres e o sábado de 10 a 14.00h e de 17 a 21.00h e o domingo entre as 10 e as 14.00h. Nel van participar uns 30 establecementos comerciais, boa parte deles integrados na Asociación do comercio, a hostalaría e servizos de Fene "O Cruceiro". No evento poderán conseguirse todo tipo de artigos -principalmente moda, complementos e cousas para a casa-, con rebaixas que nalgúns casos poden chegar até un 70%.
A Concellaría de Promoción Económica, dirixida por Ana Basoa Rioboo, colabora dándolle difusión á cita e achegando a animación de rúa para as tres xornadas. Aí tamén hai diferencias xa que, no canto de espectáculos que poidan atraer público a puntos concretos, optouse por unha trouppe itinerante de zancudos que estará movéndose constantemente e recordándolles aos viandantes o universo de gangas que oferta o comercio local durante a fin de semana. Por outra banda tamén se picará música ambiental na zona da praza do Alcalde Ramón Souto González e a distintas alturas da Avenida Marqués de Figueroa.