En marcha a reparación da estrada entre a Rúa Travesa e Santa Ana
01-10-2020
O Concello de Fene tamén adxudicará nos próximos días a terceira fase da mellora en Alcalde Gerardo Díaz
O Concello de Fene vai investir algo máis de 59.000 euros en aglomerar a pista que vai desde a confluencia da Rúa Travesa e Alcalde Gerardo Díaz coa estrada nacional 651, nas curvas de Santa Ana. Son exactamente 943 metros de distancia que, con esta obra, verán mellorada tanto a seguridade do tráfico como peonil, posto que nun dos tramos se instalarán canalizacións soterradas de pluviais que irán rematadas cunha plancha de formigón a xeito de cuneta axeitada para o tránsito de viandantes. As obras comezaron hai escasos días e non serán as únicas que se desenvolvan na zona, xa que en breve vai adxudicarse a terceira fase da reposición do firme e do saneamento na rúa Alcalde Gerardo Díaz, orzamentada en máis de 232.000 euros. Ambos proxectos fináncianse con fondos provinciais.
Os traballos que xa están en marcha centráronse nas últimas xornadas en limpar ben as cunetas de todo o eixo e na colocación por unha das marxes de tubos de drenaxe ao longo duns 240 metros, xusto na zona onde a estrada é máis estreita. Este equipamento busca mellorar a evacuación da auga da chuvia por dous motivos: asegurar que a auga non se acumule sobre a calzada e tamén garantir que corra sen filtrarse polas capas inferiores do firme, posto que esa é habitualmente a principal causa dos baches e irregularidades que se producen co paso do tempo.
Sobre as canalizacións -que levarán oito sumidoiros en superficie- botarase unha capa de formigón cunha leve inclinación para a escorrentía que, porén, poderá ser utilizada polos peóns como sendeiro.
A segunda parte da obra -esta si, sobre todo o trazado- consistirá na limpeza do antigo asfalto, no tapado de baches e socavóns e, finalmente, no estendido dunha nova capa de rodadura con aglomerado, moito máis adherente e tamén duradeiro. A renovación do firme iniciarase no punto en que conflúen a Rúa Travesa -aglomerada desde hai tempo- e a rúa Alcalde Gerardo Díaz. Desde alí continuará até o cruzamento do lavadoiro de Mundín e logo continuará subindo ata chegar á N-651, en Santa Ana.
Os traballos adxudicáronselle á empresa de obra pública Canarga S.L. por un prezo de 59.299,99 € ive incluído, que se financian cos fondos do POS+ Adicional 1/2019.
A piques de adxudicarse as obras en Alcalde Gerardo Díaz
Ademais deste proxecto xa en execución, o Concello ten en carteira a mellora dos servizos e do pavimento no tramo da rúa Alcalde Gerardo Díaz que discorre entre o Camiño do Inferniño e a Rúa Travesa. Nese caso a intervención consistirá en renovar as canalizacións de pluviais e as tubaxes do saneamento, ademais de cambiar a superficie cun firme idéntico ao que xa ten unha parte desta rúa pola que pasa o Camiño Inglés.
De feito, o plan que agora está a piques de adxudicarse -a mesa de contratación reunirase previsiblemente a semana que vén- é a terceira fase de rehabilitación deste eixo viario coincidente coa ruta xacobea e, polo tanto, deberá manter a mesma solución técnica e o mesmo aspecto que as anteriores actuacións. Neste sentido tamén se contempla soterrar cableados de subminsitración eléctrica e de comunicacións antes de cubrir o que falta de rúa con cemento lavado.
Estas obras -que contan con achega económica do POS+ 2020- saíron a contratación por un importe de 232.412,90 euros.