Fene destina máis de 200.000 euros a colaborar co tecido cultural, deportivo e social do municipio

Fene destina máis de 200.000 euros a colaborar co tecido cultural, deportivo e social do municipio

As partidas medran nalgúns capítulos ata un 50%

A concesión das subvencións nominativas -os convenios anuais que se suscriben coas entidades para o desenvolvemento de actividades concretas- publicáronse a mediados de setembro e con posterioridade o reparto foi modificado por acordo plenario. Neste sentido reserváronse 32.100 euros para un total de 9 eventos culturais organizados por oito sociedades do territorio, outros 3.600 para o mantemento de comedores por parte das ANPAS de Centieiras e dos Casais e 10.000 para o apartado deportivo, concretamente para levar adiante o Slalom de Fene organizado pola escudería Scratch. 
 
Dentro das nominativas tamén se asignaron 10.000 euros no apartado de Promoción Económica para colaborar coa asociación do comercio e a hostalaría local "O Cruceiro" no desenvolvemento de programas de dinamización que axuden á recuperación do sector, un dos máis afectados pola crise sanitaria. 
 
A pandemia levou ao Concello a reforzar a atención social e asistencial, unha tarefa na que contou coa axuda de varios colectivos. Ese é o motivo de que se elevase até os 6.000 euros a achega para a Agrupación local de Protección Civil, cuxa axuda foi fundamental nos últimos meses, e tamén a razón de reservar 5.000 euros para a Asociación Dignidad -colaboradora no programa de alimentos-, para a ASCM -que leva o programa de asistencia telefónica (1.000 €)- e para ASPANEPS, receptora doutros 5.000 euros para sufragar gastos do centro ocupacional que ten en San Valentín.
 
Os colectivos teñen até o 19 de outubro para presentaren a documentación e, unha vez feito, suscribiranse os convenios de colaboración con cada un deles.
 
Concorrencia competitiva
Alén dos convenios, o Concello tamén convoca as liñas en concorrencia competitiva para sufragar a actividade xeral  que levan a cabo os colectivos ao longo do ano. As programacións víronse truncadas en boa parte dos casos debido á excepcionalidade da situación. Porén, o Concello introduciu varias novidades nas bases co obxectivo de que as entidades poidan dispoñer dos fondos que precisen.
 
A primeira novidade é que se aumentou a partida global nun 50%, posto que se pasa dos 79.000 euros do ano pasado aos 119.500 deste 2020. O aumento obedece á regularización dos períodos subvencionables. Ata agora a adxudicación efectiva destas axudas facíase cun ano de retraso -a finais de 2019 resolvéronse as axudas dos programas efectuados en 2018- e, por este motivo, a convocatoria actual -que sairá publicada dentro duns días no BOP- cubrirá os programas e gastos correntes que se fixeran en 2019 e 2020, incluídos os cursos e tempadadas 2018/19 e 2019/20 no caso das Anpas e clubes deportivos.  Isto permitirá acompasar as axudas cos anos en que se desenvolvan as actividades, tal e como levaban reclamando desde hai anos as entidades.
 
Outra das novidades importantes é que a contía máxima que  poderá percibir cada entidade -ata o esgotamento do crédito- pasa dos 8.000 aos 12.000 euros no caso dos colectivos culturais e deportivos, e dos 2.500 aos 3.750€ se se trata de asociacións de nais e pais dos centros escolares. A efectos de xustificación admitiranse como válidos os gastos correntes e de funcionamento, de maneira que as asociacións poderán percibir axudas  neses conceptos aínda que  este ano se visen obrigadas a suspender os seus programas.
 
Por último, o Concello tamén simplificará a tramitación reducindo a documentación xeral que se deberá presentar canda á solicitude. Por outra banda, o departamento de Cultura e Deportes envioulle a cada colectivo unha guía sobre a convocatoria e ofrece asesoramento á hora de preparar as peticións, para o que fará falla solicitar cita previa no 607 616 151 ou ben enviar un correo a cultura.deportes@fene.gal. 
 
Bono-Bus Universitario
Cómpre lembrar, ademais, que desde esta mesma semana e até o 19 de outubro os e as estudantes universitarias que estuden nos campus da UDC poderán solicitar as axudas do Bono-Bus Universitario. A partida económica reservada para o curso 2020/21 é de 7.500 euros e, neste caso, o Concello tamén introduciu varias novidades para axilizar a tramitación, a percepción e incluso incrementar a cantidade que se poderá obter como axuda.
 
Así, elimínase o tope do 80% en función do número de persoas beneficiarias, de maneira que a achega poderá chegar a cubrir o 100% dos gastos de desprazamento. Outro cambio substancial é que estas subvencións prepagables se organizan en dous cuadrimestres, coa finalidade de facer máis rápida a súa tramitación e evitar que a mocidade teña que volver parte do importe percibido se non consegue xustificar cos bonos mercados a contía outorgada polo Concello.
Ligazóns