Fene continúa en nivel de alerta 3 por coronavirus

Fene continúa en nivel de alerta 3 por coronavirus

O noso concello é xunto con Ferrol e Narón un dos que aparecen sinalados en vermello nos mapas de incidencia do coronavirus publicados polo SERGAS. Segundo a información dispoñible esta mañá, no termo municipal rexistráronse nos últimos 14 días "máis de 42 casos" confirmados por PCR e, deles, "máis de 21 casos" constatáronse na última semana. Eses son os únicos datos que facilitan as autoridades sanitarias e tamén os únicos dos que dispón o Concello xa que, a diferenza doutras comunidades, en Galicia a Xunta só informa por áreas sanitarias e dando cifras globais de cada municipio que calquera pode consultar a través desta ligazón. Malia estarmos en nivel 3 de alerta, en Fene son de aplicación -polo momento- as mesmas medidas de contención decretadas para o resto de Galicia. Desde o Concello pídeselle á veciñanza que se extremen as precaucións en canto a distanciamento interpersoal, hixiene de mans e respiratoria, ao tempo que se apela á responsabilidade individual para o cumprimento rigoroso das normas en vigor.


Toque de queda.
Durante o periodo comprendido entre as 23.00 e as 6.00h., as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización de, entre outras, as seguintes actividades: merca de medicamento, produtos sanitarios e bens de primeira necesidade; asistencia a centros e servizos sanitarios; levar animais ao veterinario por razóns urxentes; o cumprimento de obrigas laborais, profesionais, institucionais ou legais; a volta ao lugar de residencia tralo desenvolvemento dalgunha das actividades permitidas; acudir coidar maiores, menores, persoas dependentes e/ou discapacitadas ou nunha situación de vulnerabilidade; calquera outra circunstancia de forza maior ou necesidade debidamente acreditada. Tamén se autoriza a repostaxe en gasolineiras ou estacións de servizo durante ese intervalo horario cando resulte necesario para calquera das actividades anteriores.

Restricións ás agrupacións de persoas.
No territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de cinco persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación. Tampouco se aplicará no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, centros de ensino e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos seus protocolos de funcionamento. En territorios cunha alta incidencia, as autoridades sanitarias poden adoptar restricións maiores.


Cómpre lembrar que, para evitar aglomeracións nos cemiterios durante as datas de Santos e Defuntos, a Xunta tamén puxo como tope grupos máximos de 4 persoas. En Fene haberá horarios ampliados das instalacións os días 31, 1 e 2, e deseñouse un protocolo que cumprirá seguir en todo momento.

Vida social e comunitaria.

En Galicia tamén se adoptaron hai xa varios días novas medidas restritivas en canto a capacidades de actividades en espazos públicos ou abertos ao público. Suspéndense as festas e verbenas e débese lembrar que desde o pasado mes de agosto está prohibido o consumo de alcol na vía e nos espazos públicos.

Hostalaría e restauración: no interior dos locais, unha ocupación máxima do 50%. Non se permite o consumo en barra. Nas terrazas ao aire libre, limitación ao 75% das mesas. A ocupación máxima será de 5 persoas por grupo, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas. A máscara só se pode retirar exclusivamente no momento da consumición. Deberán adaptar os seus horarios ao toque de queda.

Comercio, centros comerciais, autoescolas e mercados ao aire libre: todos os establecementos comerciais quedan limitados ao 50% da súa capacidade. Nos centros e parques comerciais non se poden utilizar os espazos comúns. Os mercados ao aire libre non poderán superar o 50% dos postos habituais. No caso de Fene está suspendido o mercadillo dos segundos e cuartos domingos de mes en Perlío.

Parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas ou espazos ao aire libre similares con limitación de capacidade: non se deberá sobrepasar en ningún momento un máximo estimado de unha persoa por cada catro metros cadrados.

Lugares de culto, velorios, enterros e cerimonias: os recintos dedicados ao culto relixioso non poderán sobrepasar o 50% da súa capacidade. Nos mortorios limítase a asistencia a 10 persoas en cada momento en espazos pechados e a 25 en espazos abertos. No caso de enterros ou despedidas de cremación, máximo 25 persoas entre familiares e achegadas. As celebracións nupciais non poderán sobrepasar as 50 persoas en espazos pechados ou as 100 ao aire libre. Os convites posteriores rexeranse pola normativa da hostalaría.

Actividades deportivas non federadas: en instalacións ao aire libre a actividade pode ser individual e colectiva, sempre sen contacto físico e como máximo 5 persoas de forma simultánea, sen contar o monitor. En instalacións cubertas, tamén grupos de ata 5 persoas, sen contar o monitor, e sen superar o 50% da capacidade máxima permitida. Nas piscinas non poderá sobrepasarse o 50% da súa capacidade e a máscara só se poderá quitar para o baño, pero terá que levarse posta nos desprazamentos interiores. Duchas e aseos en instalacións deportivas terán que usarse de maneira individual. O emprego da máscara na práctica deportiva e de actividade física só se exceptúa en deportes con pistas específicas -tenis, pádel, squash, polideportivas- e exclusivamente durante a realización desas actividades. Nos ximnasios hai que levala posta en todo momento.

Eventos deportivos, adestramentos e competicións con público: o público sempre ha de estar sentado, non se superará o 50% da capacidade e establécese o límite xeral de 60 persoas en lugares pechados e 150 se se trata de actividades ao aire libre.

Auditorios, bibliotecas, salas de exposicións: 50% da súa capacidade e límite máximo de 60 persoas en espazos pechados ou 150 ao aire libre. As visitas guiadas e outras actividades en grupo estarán limitadas a un máximo de 5 persoas, sexan ou non convivintes, incluído o monitor ou guía.

Congresos, eventos e actos similares: máximo 50% da capacidade permitida e límite máximo de 60 persoas nos espazos pechados e 150 ao aire libre. Este límite será de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e outros actos semellantes.


Por último, cabe recordar unha vez máis as recomendacións xerais e outras obrigas que se veñen aplicando desde hai semanas:

Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.

Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.

Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.

Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado.

Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas.

Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os síntomas da enfermidade son os seguintes: febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.

Ás anteriores úneselle a recomendación de vacinarse contra da gripe polas seguintes razóns: a gripe estacional pode ser grave por si mesma e combinada coa COVID-19 pode ter consecuencias fatais. Ademais, a vacinación tamén é fundamental para reducir a sobrecarga do sistema sanitario nun momento en que fai falla dispor de camas libres e outros recursos para atender o agravamento da pandemia.