O Concello de Fene merca un novo camión para a recollida selectiva do lixo
03-11-2020
O consistorio tamén reforzará o programa de compostaxe comunitaria con máis colectores e cunha campaña informativa
Fene acaba de incorporar un novo vehículo ao sistema municipal de recollida e tratamento do lixo. Trátase dun compactador no que o consistorio investiu preto de 48.000 euros, co obxectivo de axilizar os percorridos diarios pero tamén de reducir os gastos que supuñan as reparacións no camión máis vello, que agora quedará como vehículo de substitución para o caso de que avaríe un dos outros ou por se fixese falla reforzar o servizo en momentos puntuais.
O Concello foi ao práctico e acudiu ao mercado de segunda man, onde atopou un camión con escasos 150.000 quilómetros e un equipo de compactación nun estado excepcional. De feito, no interior do depósito practicamente non hai sinais de uso. Iso permitiu aforrar unha importante cantidade de cartos, posto que un vehículo novo destas características e coas mesmas funcionalidades achégase aos 180.000 euros.
Outro dos motivos do investimento -asumido integramente con fondos municipais- é a capacidade de prensado e almacenamento de residuos. O camión pode recoller ata 23 metros cúbicos en cada viaxe, de maneira que se reducen os traxectos de baleirado en relación coa distancia percorrida, á vez que se aforra en tempo, combustible e en mantementos.
A decisión da compra debeuse tamén aos elevados custes de mantemento dos camións municipais do lixo. Tal e como sinalan desde a área de Servizos, ata este momento Fene contaba con dous camións compactadores e un deles, o de maior idade, xa acusaba un fondo desgaste que o levaba ao taller a cada pouco. Unha situación que se traducía en importantes gastos en reparacións e, ademais, en ter que solicitarlle colaboración a Mugardos para empregar puntualmente un dos seus camións.
O novo vehículo -que entrará en servizo esta mesma semana- daralle o relevo no día a día ao compactador máis vello, aínda que o Concello non ten previsto desfacerse del polo momento. En vez diso faráselle unha revisión xeral e quedará gardado na nave de San Marcos para substituír a algún dos outros dous en caso de avarías ou mantementos.
Mensaxe ambiental nos dous costados
Ademais de ver un camión do trinque pasándolle por diante da casa, a veciñanza de Fene tamén verá en grande dúas espectaculares fotografías -unha por cada lado do depósito- da Fervenza do Belelle e do Pozo da Serpe, dous enclaves de natureza espectacular e única compartidos polos territorios de Fene e Neda.
Sobre destas imaxes, tamén en grande, o Concello aproveitou para estampar dúas mensaxes ambientais e de concienciación: "Máis que unha obriga, reciclar é unha necesidade" e "Dálle a oportunidade de ter outra vida!", co dobre sentido de que reciclar e xestionar ben os residuos tamén garante a pervivencia de cauces e bosques como os que aparecen nas dúas fotografías aéreas que visten os laterais do vehículo.
Reforzo da compostaxe
Xunto coa adquisición do camión compactador, o Concello tamén quere mellorar o sistema de recollida e tratamento reforzando o programa municipal de compostaxe. Neste sentido preparouse un proxecto para ampliar o número de composteiros e tamén para desenvolver novas accións de difusión entre a veciñanza.
O proxecto, orzamentado en algo máis de 19.000 euros, presentouse a unha liña de axudas da Consellaría de Medio Ambiente, quen finalmente outorgou pouco máis de 4.000. A idea municipal é poñer en marcha un punto de compostaxe comunitario en Sillobre e reforzar o de Perlío, xestionado en colaboración con ASPANEPS.