Fene consegue dúas Flores de Honra no certame anual Vilas en flor
06-11-2020
O xurado destacou o coidado das beiras do Cádavo e doutros espazos públicos
O Concello de Fene estreouse con nota en Vilas en flor, o proxecto coordinado en Galicia pola Fundación Juana de Vega no que se recoñecen as políticas de posta en valor de espazos públicos urbanos por medio de flor e planta coa finalidade de mellorar a calidade de vida da poboación, así como as accións de difusión e concienciación veciñal arredor da sostenibilidade ambiental. O xurado do certame outorgoulle ao noso municipio un total de dúas Flores de Honra -o máximo son cinco, que ninguén obtivo até o momento-, valorando especialmente o coidado das ribeiras do Cádavo e o feito de que se manteña "adecuadamente" unha extensa rede de parques repartidos por todo o territorio.
Fene participou neste 2020 por primeira vez nesta iniciativa promovida en conxuntamente por ASVINOR -Asociación de viveiristas do Noroeste-, AGAEXAR -a asociación maioritaria no sector da xardinaría galega- e a Fundación Juana de Vega, co obxectivo de promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios galegos e contribuir con iso á calidade de vida da súa poboación.
Tamén se pretende mellorar a imaxe dos lugares públicos que se lle ofrece a propios e alleos e mesmo “xerar espazos de formación, reflexión e debate arredor da xestión sostible das vilas e cidades, promover os espazos verdes como punto de encontro de relacións sociais interxeracionais e mellorar a conciencia social cara ás políticas de sostenibilidade ambiental”, tal e como indica na súa web a organización de Vilas en flor.
Trala súa visita a Fene, o xurado decidiu outorgarlle ao Concello dúas Flores de Honra. A valoración destaca "a recuperación para espazo público" das ribeiras do Cádavo e sinálase o especial interese "do recinto memorándum dos escritores galegos" e do parque situado baixo a ponte da autoestrada, cualificado como "estupendo" e "coidadísimo".
O fallo prosegue subliñando "a recuperación de varias zonas de parque" situadas na periferia da zona urbana e tamén as medidas adoptadas pola Área de Servizos para coidar "exemplares arbóreos moi interesantes". Ademais tamén se valorou positivamente a estratexia municipal de compensar a ausencia dun casco antigo orixinal -algo que permitiría accións máis lucidas- mediante a "creación de parques tamén dispersos por todo o concello".
O proxecto internacional Vilas en Flor outorga un distintivo simbólico que se incrementa de par da excelencia das políticas públicas e dos seus resultados. O mínimo é unha Flor de Honra e o máximo son cinco, algo que ningún dos 28 municipios galegos participantes logrou até o momento. Canda Fene tamén se estrearon este ano na nosa zona os municipios de San Sadurniño, que obtivo unha Flor de Honra, e Narón e Pontedeume, que se fixeron con dúas cada un. No máximo de distincións atópanse municipios como Chantada ou Allariz -xa veteranos no certame- con catro flores.
O xurado destacou o coidado das beiras do Cádavo e doutros espazos públicos Fene consegue dúas Flores de Honra no certame anual Vilas en flor