O Concello de Fene e a Deputación destinan cerca de 170.000 euros a colaborar na recuperación económica de autónomos e microempresas

O Concello de Fene e a Deputación destinan cerca de 170.000 euros a colaborar na recuperación económica de autónomos e microempresas

As axudas do PEL-Reactiva poden solicitarse até o 25 de novembro a través da Sede Electrónica municipal

Fene dedicará 169.808,57 € a colaborar coas microempresas e persoas autónomas que se viron afectadas pola declaración do primeiro Estado de Alarma, xa fose por ter que pechar nese período, por terse acollido a ERTEs ou porque a súa facturación se vise reducida en máis dun 75%. Dependendo dos casos poderán obter axudas de ata 1.500 ou 3.000 euros para sufragar gastos de adaptación ás novas esixencias preventivas e para compensar outros gastos xerais, como poden ser as subministracións de electricidade, luz e auga ou mesmo canons e alugueiros que deberon soportar a pesar da crise sanitaria. O prazo de solicitude -que se fará obrigatoriamente a través da Sede Electrónica- permanecerá aberto até as 14.00h. do día 25 de novembro.

Segundo as liñas xerais do programa, as subvencións estarán entre os 1.500 euros como máximo para autónomos e autónomas sen persoal ao seu cargo e os 3.000 euros de tope aos que poderán optar as microempresas e persoas autónomas que teñan persoas empregadas. Neste último suposto hai tres tramos de axuda: 2.000 euros cunha persoas empregada, 2.500 se o número de traballadoras/es se sitúa entre 2 e 5 e, por último, 3.000 euros se o cadro de persoal está entre 6 e 9 persoas contratadas.

O obxectivo desta convocatoria é axudarlle ao tecido produtivo local que se vise afectado pola crise sanitaria durante o primeiro Estado de Alarma, ben porque tivesen que pechar, ben por terse acollido a ERTEs ou ben por ver reducida a súa facturación en máis dun 75% durante o segundo trimestre deste ano.

Entre os apartados subvencionables estarán os de adaptación e acondicionamento dos negocios para implantar medidas de seguridade: mamparas de protección, produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico, etc., pero tamén arrendamentos -locais, maquinaria, vehículos- e gastos correntes como son a subministración de auga, luz, gas ou mesmo os seguros, entre outros.

Para xustificar estas axudas poderán presentarse facturas ou outros documentos legalmente admitidos correspondentes a gastos efectuados entre o 1 de marzo e o 31 de decembro deste ano. A subvención non cubrirá o ive (só se sumarán as bases impoñibles dos gastos) e será compatible con calquera outra axuda concedida, de ser o caso, por outras administracións ou entidades públicas ou privadas. Iso si, o importe conxunto das subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o total do gasto efectuado.

Fene destinará a estas axudas un total de 169.808,57€, cofinanciadas nun 80% pola Deputación -a través do PEL Reactiva- e nun 20% con recursos propios. De feito, os cerca de 34.000 euros que deberá achegar o consistorio foron habilitados recentemente por medio dunha modificación orzamentaria de 308.000 euros.

O prazo de solicitude destas axudas por parte das microempresas e profesionais por conta propia finalizará ás 14.00 h. do día 25 de novembro de 2020. O trámite debe facerse obrigatoriamente a través da Sede Electrónica municipal.

Descargas
Ligazóns