Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Neda promoven o programa dual Reinicia VII para persoas desempregadas

Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Neda promoven o programa dual Reinicia VII para persoas desempregadas

O Proxecto Reinicia VII desenvolverase desde mediados de decembro até setembro de 2021

Oferta 20 prazas para dúas accións formativas: atención sociosanitaria a persoas dependentes e traballos de carpintaría e moble

Imaxe Reinicia VI

Os concellos de Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Neda -quen xa colaboran no proxecto de inserción laboral Inicia V- van poñer en marcha a partir do 15 de decembro unha nova edición do obradoiro de emprego Reinicia, que vai xa pola súa sétima edición. O programa vai dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos co obxectivo de mellorar a súa capacitación profesional e, en consecuencia, incrementar as posibilidades de acceso ao mercado laboral. Ofértanse 20 prazas, repartidas a partes iguais entre as dúas accións formativas que se van impartir, unha centrada na atención sociosanitaria a dependentes e outra sobre traballos de carpintaría e moble. Para ampliar información pode contactarse coa Área de Formación e Emprego "Pancho Allegue" a través do teléfono 981 492 767 ou do correo orientacion.laboral@fene.gal.

O proxecto conta con financiamento da Consellaría de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Traballo e Economía Social, a través do Servizo Público de Emprego Estatal. Neste caso foi o Concello de Ares quen tramitou o expediente, beneficiario dunha achega de 354.446 euros, dos que 7.500 son para incentivos á contratación.

Este importe permitirá desenvolver un obradoiro de emprego de 9 meses de duración -desde o 15 de decembro até o 15 de setembro de 2021- con contidos que teñen unha alta demanda de perfís profesionais, como é o caso da atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións ou todo o relacionado coa carpintaría en madeira.

En cada un deses apartados ofertaranse 10 prazas para persoas maiores de 18 anos en situación de desemprego. Para optar á acción formativa e ocupacional sobre atención sociosanitaria será requisito imprescindible contar con estudos de ESO ou equivalentes, mentres que para o obradoiro de carpintaría e moble abondará con ter estudos primarios.

Alén da formación que recibirán os traballadores e traballadoras, o proxecto tamén implica beneficios para os concellos. De feito, durante o obradoiro fabricarase mobiliario de oficina para a área de Formación e Emprego do Concello de Fene e para dependencias do Concello de Mugardos, tamén se farán fiestras para o mosteiro de Santa Catalina -Ares- e reporase equipamento deteriorado no paseo marítimo de Neda, ademais de desempeñar labores de atención sociosanitaria en distintas institucións destes municipios e do de Cabanas

Para participar nestes obradoiros englobados no Reinicia VII -insistimos, dirixidos a maiores de 18 anos en situación de desemprego- ou para obter máis información sobre o seu contido pódese contactar coa Área de Formación e Emprego "Pancho Allegue", ben por teléfono -981 492 767- ou a través do correo electrónico orientacion.laboral@fene.gal. As 20 prazas dispoñibles ocuparanse de forma proporcional con persoas empadroadas en cada un dos municipios promotores.