O Concello e ADIF avanzan na posible mellora da seguridade na liña férrea a seu paso polo municipio
11-11-2020
O Concello de Fene e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) acordaron hoxe abordar a mellora da seguridade na liña férrea ao seu paso polo municipio. Asi o determinaron nunha reunión telemática promovida pola Subdelegación do Goberno na Coruña, que desta maneira atendeu a petición feita neste sentido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo. No encontro abordouse a necesidade de retomar o convenio de colaboración suscrito en 2010 polo Concello e ADIF para a construción e mantemento do cerramento e cruces peonís da vía a distinto nivel da liña ferroviaria Betanzos-Ferrol ao seu paso por Fene, toda vez que aquel acordo perdeu a súa vixencia.
Na reunión estiveron presentes o director xeral de Conservación e Mantemento de ADIF, Ángel Contreras Marín; o alcalde de Fene e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; e a directora da Área de Transportes da Delegación do Goberrno en Galicia, Ana Quintairos.
Todos eles coincidiron na necesidade de mellorar a seguridade na zona e evitar posibles riscos para os viandantes e para a propia circulación ferroviaria. Para avanzar neste obxectivo, ADIF comprometeuse a revisar os custes económicos derivados da posible construcción dun paso subterráneo e dun paso elevado en distintas zonas da liña, ademais de avaliar a renovación e mellora dos cerramentos actualmente existentes.
Por este motivo, como primeira medida, persoal de ADIF analizará xunto con técnicos do Concello a situación actual das infraestruturas para avaliar as posibles actuacións que cumpra acometer. Unha vez determinadas as medidas necesarias, ADIF e o Concello valorarán as súas posibilidades de colaboración para, desta maneira, acometer aquelas melloras que se poidan asumir de acordo coas dispoñibilidades económicas de ambas partes.