O Concello avanza na humanización de San Valentín
30-11-2020
O barrio fenés de San Valentín vive estes días os últimos compases do proxecto de reurbanización dos bloques II e V, que supuxo tamén a renovación do firme en parte da Avenida da Cooperación. O obxectivo destas obras practicamente finalizadas é continuar avanzando na mellora da habitabilidade deste núcleo, o máis densamente poboado do concello e tamén un dos que requiren maior investimento en infraestruturas. De feito, á fase que agora se está desenvolvendo idestinaranse máis de 124.000 euros e hai escasos meses rematouse outra nos bloques III e IV por valor de 86.500. E a cousa non parará aí, posto que en breve se contratarán máis actuacións que buscan facer do barrio un lugar máis accesible, agradable e cómodo para vivir.
A principios desta semana levouse adiante o aglomerado da parte da Avenida da Cooperación que cruza o barrio de leste a oeste, ao tempo que se apuraban os últimos traballos de albanelaría entre os bloques V e IV colocando as baldosas vermellas elixidas para a renovación dos lugares de paso. Unha vez finalice esta parte de obra pura e dura só quedará pendente repoñer con flor e verde os parterres que encabezan o espazo entre edificios.
Con iso -e co pintado da sinalización horizontal e das prazas de aparcadoiro- quedará lista unha nova fase da progresiva renovación de todo San Valentín, executada de ano en ano principalmente con colaboración provincial. Nos labores que se ultiman estes días vanse investir máis de 124.000 euros procedentes do POS+ Adicional de 2018 e cabe recordar que a comezos do verán se recepcionou a fase correspondente aos bloques III e IV, á que se destinaron outros 86.542€.
Ademais están a punto de licitarse outros dous proxectos acollidos ao POS 2020. O primeiro deles está cuantificado en case 200.000 euros e centrarase na reurbanización do entorno das torres I, II e III. O traballo será o mesmo que o efectuado durante estes días nos bloques centrais: reparar beirarrúas, eliminar barreiras arquitectónicas, acondicionar os espazos entre edificios e, de paso, substituír canalizacións soterradas de pluviais e sumidoiros.
O outro proxecto que se conta iniciar en breve será a primeira fase dun novo espazo de lecer ao carón do paseo marítimo. Trátase dunha área recreativa orzamentada en 60.700 euros que nestes momentos agarda pola autorización da Demarcación de Costas para poder saír a contratación pública.
Entre este ano e mediados do 2021 levaranse investido en San Valentín á beira de medio millón de euros en infraestruturas que pretenden mellorar a calidade de vida no barrio. Porén, ademais de obras, a prioridade do Concello tamén está en asegurar que se garantan outros servizos, como é o caso dun funcionamento axeitado da oficina de Abanca ou a dispoñibilidade de comercio de proximidade que complemente o economato de Astano, sobre todo trala marcha de Mercadona ao polígono do Vilar do Colo prevista para fin de ano.