Fene pasará esta noite ao nivel de restriccións básicas
04-12-2020
O subcomité clínico da Xunta acordou esta mañá aliviar aínda máis as restricións sanitarias que pesan sobre o noso concello, de maneira que a partir desta medianoite Fene pasará ao nivel básico de restricións, o mesmo que a maioría dos municipios galegos. A medida publicarase ao longo do día no Diario Oficial de Galicia. E... ¿que quere dicir isto?. O básico é o seguinte:
-Remata o peche perimetral do concello, co que xa non haberá restricións á mobilidade salvo para ir a Ferrol ou Narón, que continúan pechados.
-A hostalaría poderá atender a un 50% no interior dos establecementos (non na barra) e a un 75% nas terrazas.
-A hora de peche para bares e restaurantes pasa ser agora ás 23.00h., coincidindo co inicio do toque de queda nocturno.
-Os grupos en espazos públicos e privados, tanto abertos como pechados, poderán ser de 6 persoas.
-O comercio e outras actividades seguen coa limitación de aforos a un 50%.
Insistimos, cómpre agardar a que se publique no DOG este cambio no nivel de restricións, que chega menos de 24 horas despois de decretar o paso ao nivel medio-alto. De feito, atendendo á evolución epidemiolóxica favorable, o subcomité clínico decidiu que Fene pasase directamente dese chanzo intermedio ao menos restritivo, que rexe en todos aqueles municipios de máis de 10.000 habitantes onde a incidencia dos contaxios acumulados nos últimos 14 días está por debaixo da ratio de 100 por cada 100.000h. No caso de Fene, segundo os datos do SERGAS, nas últimas dúas semanas só se diagnosticaron 17 positivos.