O Concello de Fene asina convenios por valor de 38.000 euros con oito entidades do municipio
05-12-2020
- Outros cinco colectivos renunciaron á subvención nominativa por non poder levar a cabo as súas actividades debido á pandemia
- O consistorio tamén reservou contías directas para actividades relacionadas coa promoción económica e os Servizos Sociais, que ascenden a 21.500 euros
- Onte tamén se levou a cabo a valoración das solicitudes para a liña de subvencións en concorrencia competitiva, que serán ratificadas pola Xunta de Goberno Local a mediados deste mes. A partida económica sitúase en 119.500 euros e as 30 entidades beneficiarias percibirán o 70% das contías asignadas antes do remate do ano
- O total reservado neste 2020 para colaborar co tecido sociocultural, deportivo e asistencial ascende a 192.200 €
O salón de plenos do Concello de Fene acolleu onte a sinatura dos convenios nominativos dirixidos a financiar distintos proxectos desenvolvidos polas entidades do territorio relacionados coa cultura, o deporte, o ensino e mesmo coa seguridade cidadá. Dos 13 colectivos para os que se reservaba crédito, finalmente só suscribiron convenio oito deles, mentres que os restantes se viron na obriga de renunciar á axuda ante a imposibilidade de levar adiante os proxectos subvencionados debido á pandemia. A contía total asignada hoxe ascende a 38.300 euros, con achegas que oscilan entre os 1.200 e os 10.000 euros, dependendo da actividade. Porén esta non será a única colaboración económica do Concello co tecido social, xa que proximamente tamén se farán efectivos os 119.500 euros da liña de concorrencia competitiva e, ademais, tamén se reservan axudas directas para actividades de promoción económica e Servizos Sociais por valor doutros 21.500 euros.
O Concello incrementou este ano con recursos propios o montante global que se dedica en cada exercicio a botarlles unha man ás asociacións socioculturais, clubes deportivos e colectivos do territorio que traballan no ámbito social.
De feito, a partida reservada en 2020 para este cometido situouse en 192.200 euros en dous grandes apartados: 119.500 para dotar economicamente a liña de subvencións para actividades e gastos de mantemento de asociacións, clubes e anpas e, por outra banda, 72.700 euros para convenios nominativos destinados a financiar eventos puntuais de especial relevancia e colaborar co labor que desenvolven varias entidades asistenciais.
Tocou rubricar os convenios relacionados con eses proxectos puntuais e de especial interese municipal relacionados coa cultura, o ensino, os deportes e a seguridade cidadá, dos que se beneficiarán oito colectivos. Son a AVV de Limodre -organizadora da Festa da Orella-, a AC Felicia -promotora do Felicia Pop-, o CMI Unidade de Fene -quen convoca o premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé-, a asociación Airiños de Fene -organizadora da Xuntanza de Gaiteiros- e o Club Escudería Scratch Fene, quen desenvolveu recentemente o seu Slálom no Vilar do Colo.
Ademais destas tamén suscribiron convenio as ANPAs de Centieiras e dos Casais para cofinanciar o seu servizo de comedor escolar, e tamén a Asociación de Voluntariado de Protección Civil, quen levou a cabo un grande labor nos últimos meses colaborando con distintos departamentos municipais.
O importe total dos convenios asinados sitúase en 38.300 euros. Unha cifra inferior á prevista inicialmente, posto que debido á situación sanitaria non chegaron a se celebrar eventos como o Fenerock organizado polos Centolos, a Festa do Poldro de Magalofes organizada pola asociación veciñal da parroquia, a Romaría e maila Festa da Ameixa promovidas tradicionalmente pola ACRD O Pote, nin tampouco a Festa do Lagostino organizada polo CPS de San Valentín. Para estas citas o Concello tiña reservados, en conxunto, outros 13.400 euros.
Máis convenios e liñas de concorrencia competitiva
Dentro das subvencions nominativas, o Concello tamén ten aprobadas outras contías para actividades de promoción económica e de tipo asistencial. A reserva de crédito municipal recolle unha achega directa de 10.000 euros á asociación de hostalaría e comercio O Cruceiro de Fene para financiar a campaña Merca en Fene, outros 5.000 para a asociación Dignidad -colaboradora no programa municipal de alimentos-, 5.500 para o mantemento do centro ocupacional de ASPANEPS e, por último, 1.000 euros para a Asociación Sociocultural de Minusválidos, que colabora co departamento de Servizos Sociais no servizo de atención telefónica.
Pecha o capítulo de axuda ao tecido social do municipio a partida económica para cubrir a liña de axudas en concorrencia competitiva, é dicir, para sufragar a actividade xeral que desenvolven os colectivos ao longo do ano. O capítulo medrou nun 50% con respecto á anterior convocatoria, posto que se subiu dos 79.000 euros do ano pasado aos 119.500 deste 2020. O incremento obedece á regularización dos períodos subvencionables, dado que esta convocatoria cubrirá os programas e gastos correntes que se fixeran en 2019 e 2020, incluídos os cursos e tempadadas 2018/19 e 2019/20 no caso das ANPAs e clubes deportivos.
Tamén aumenta contía máxima que poderá percibir cada colectivo, xa que se pasa dos 8.000 aos 12.000 euros de tope no caso das entidades culturais e deportivas. As asociacións de pais e nais dos centros escolares poderán percibir até 3.750€, é dicir, 1.250 euros máis que na convocatoria de 2018.
A efectos de xustificación admitiranse como válidos os gastos correntes e de funcionamento -organización de eventos e actividades, consumos enerxéticos, obras que non se consideren investimentos, merca de material de oficina e non inventariable, etc.-, de maneira que as asociacións poderán percibir axudas neses conceptos aínda que este ano se visen obrigadas a suspender os seus programas.
As 30 solicitudes admitidas (rexeitáronse outras dúas por entrar fóra de prazo) pasaron esta mañá pola Comisión avaliadora, da que tamén forma parte un representante de cada grupo político. Este órgano aprobou por unanimidade a proposta de distribución elaborada polo persoal técnico municipal seguindo as bases da convocatoria. A proposta deberá ser ratificada pola Xunta de Goberno Local, algo que seguramente se produza na semana do 14 de decembro co obxectivo de que todas as beneficiarias poidan percibir antes de fin de ano o 70% da contía que lles corresponda.