O Concello e ADIF acordan a actualización dos proxectos dos pasos a nivel de Perlío
07-12-2020
Representantes municipais e do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achegáronse o xoves pola mañá aos dous pasos a nivel que hai nas inmediacións do centro urbano, co obxectivo de retomar o proxecto de mellora da seguridade peonil sobre a liña férrea Ferrol-Betanzos. O encontro prodúcese menos dun mes despois de que a Subdelegación do Goberno e mailo Concello acordasen darlle o pulo definitivo a un acordo que levaba dez anos sen avances e que agora será necesario actualizar para adaptalo aos novos requisitos técnicos e de seguridade, pero tamén no relativo ao custe económico. ADIF pon como condición que a renovación dos pasos se faga con colaboración municipal, unha proposta que desde o Executivo local non se desbota (sempre que os custes sexan asumibles) e que, en calquera caso, deberá estar suxeita a prazos concretos que se reflectirán no correspondente convenio de colaboración entre o consistorio e o administrador ferroviario.
No encontro do xoves participaron o alcalde, Juventino Trigo, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, e o Subdirector de pasos a nivel de ADIF, Roberto Muela, na compaña do enxeñeiro municipal e do responsable de mantemento do administrador ferroviario en Galicia.
A finalidade da visita sobre o terreo foi facer unha primeira aproximación ao estado actual do do paso a nivel sen protección que comunica Marqués de Figueroa coa a rúa Cruceiro de Perlío e tamén o da pasarela que sortea a vía entre a rúa Hortelá e o apeadoiro da rúa Antonio Montero.
A busca dunha solución para a mobilidade peonil neses dous puntos xa fora obxecto dun convenio suscrito entre o consistorio e ADIF no ano 2010 que, malia os anos transcorridos, non se chegou a materializar. Agora ambos organismos retomaron as negociacións coa mediación da Subdelegación do Goberno de cara a elaborar, como primeiro paso, un proxecto que defina as actuacións necesarias e, ademais, que cuantifique o seu custe.
A proposta que o Concello considera máis axeitada é a construción dun novo paso elevado que conecte Marqués de Figueroa coa rúa Cruceiro de Perlío, por tratarse da zona de tránsito que rexistra un maior movemento peonil a pesar de carecer de infraestruturas de seguridade. Por outra banda, ao carón do apeadoiro situado uns 300 metros máis abaixo, o Concello quere que se constrúa un túnel subterráneo -en substitución da actual pasarela- que faga máis doado franquear a liña férrea, tamén para persoas con mobilidade reducida.
Sobre esta proposta inicial ADIF fará un anteproxecto que debuxe as mellores opcións en cada caso e tamén canto investimento requerirá levalas a cabo no menor prazo posible, dado que, a xuízo do goberno local, a solución xa leva dez anos de retraso e dela depende tanto a mellora da seguridade como da mobilidade para as persoas que cruzan as vías todos os días, moitas delas de idade avanzada.
A cuestión económica será un dos factores determinantes, posto que o Administrador da infraestrutura pretende que o proxecto se leve a cabo con colaboración municipal. Malia non tratarse dunha competencia propia, o Concello está disposto a participar no proxecto sempre que se alcance un acordo para que o financiamento sexa proporcionado e asumible para as arcas municipais.
Desde o Concello de Fene agárdase que o novo proxecto de seguridade peonil para os dous pasos estea listo nos primeiros meses do ano que entra. O acordo sobre a execución das obras trasladarase a un convenio que actualice o documento de 2010 e que, ademais, tamén estipule tanto esa porcentaxe de participación ADIF/Concello como os prazos máximos de execución.