Comezan as obras de ampliación do cemiterio municipal de Barallobre
14-12-2020
O camposanto incrementará a súa capacidade en 378 nichos. Os traballos complementaranse coa reurbanización e a mellora de equipamentos nas instalacións, cun investimento total que supera os 360.000 euros sufragados con fondos p
A mediados da semana pasada comezaron a desenvolverse os dous proxectos de obra cos que o Concello de Fene ampliará en 378 nichos a capacidade do cemiterio municipal de Barallobre, ademais de convertelo nun espazo máis accesible e cun aspecto xeral máis agradable. Dos traballos encárgase a construtora Sergonsa Servicios SL, como adxudicataria das dúas licitacións que, en conxunto, ascenden a 363.771,98 euros. En primeiro lugar construiranse 126 novas columnas de nichos co correspondente cinceiro e, unha vez finalice este proxecto, a empresa levará a cabo a renovación do pavimento e dos espazos axardinados, ademais de dotar o recinto con dous módulos columbarios e unha zona para a incineración de restos, como son as coroas, flores secas, e outros materiais que van quedando tralos sepelios. As obras de ampliación do camposanto -algo máis de 188.400 euros- fináncianse con cargo ao POS+2019, mentres que as de reurbanización -outros 175.300- son asumidas integramente con fondos municipais.
A construtora iniciou o traballo hai escasos días facendo acopio de materiais e maquinaria e co traslado ao terreo da disposición que levarán os novos nichos, situados nun sector da zona leste do cemiterio cunha superficie próxima aos 1.800 metros cadrados. De feito, esta mesma mañá a adxudicataria estaba xa coas escavacións de cada cadrícula como paso previo á construción das bases de formigón que sosterán as columnas prefabricadas.
Segundo recollen os planos, no cemiterio construiranse catro novos módulos. Tres deles serán do mesmo tamaño: 24 columnas con cinceiro inferior e 72 nichos cada un (216 nichos en total). O cuarto bloque, de case 30 metros de lonxitude, contará con 162 nichos distribuídos en 54 columnas co seu correspondente cinceiro.
A obra suporá, polo tanto, incrementar a capacidade do cemiterio municipal en 378 sepulturas e darlle cumprimento deste xeito a anos de peticións veciñais. O cemiterio estaba chegando ao límite da súa capacidade e con este proxecto, que quedará rematado na primeiras semanas do ano que entra, dáselle resposta á demanda actual e a medio prazo das instalacións. Desde o Goberno Local recórdase que no recinto aínda quedarían libres outros preto de 3.000 metros cadrados de superficie por se fixese falla acometer unha nova ampliación no futuro. Algo que, segundo as proxeccións demográficas do concello, non sería necesario por agora.
Mellora de equipamentos
A ampliación do camposanto, financiada con cargo ao POS+2019, suporá un investimento de 188.469,60 euros. Porén, a maiores deste proxecto, o consistorio tamén asumirá con recursos propios a preparación das instalacións cun novo pavimento, mobiliario, espazos axardinados, dous módulos columbarios e equipamento para a incineración de restos dos nichos.
Esta segunda actuación botará a andar, previsiblemente, cando se estea ultimando a construción dos novos nichos. Dela tamén se encarga Sergonsa Servicios S.L. por un prezo de adxudicación do contrato cifrado en 175.302,38 euros.