Bota a andar a campaña "O sabor do mar na túa mesa"
O Concello de Fene, a Confraría de Barallobre e a hostalaría levan ás nosas mesas polo Nadal os mellores sabores da ría
A iniciativa de promoción dos mariscos locais encádrase no proxecto Fene Mar Vivo II, cofinanciado pola Xunta, o Galp Golfo Ártabro e a Unión Europea
18-12-2020
A Concellería de Promoción Económica acaba de poñer en marcha en colaboración co Galp Golfo Ártabro Norte e da Confraría de Barallobre o proxecto "O sabor do mar na túa mesa", co que se queren promocionar o sector marisqueiro e hostaleiro de Fene, dous dos máis afectados pola crise derivada da pandemia. A iniciativa promove sinerxias entre ambos, na liña de que en casas de comidas e restaurantes se oferten menús con materia prima da ría e, ao tempo, favorecer que nos fogares se aposte pola ampla variedade de produto -especialmente no Nadal- que colleita e depura o pósito de Barallobre. Esa oferta está xa recollida na web http://turismo.fene.gal/sabores/, a través da que incluso é posible facer reservas e encargas. Pero hai máis.
E é que os locais de hostalería que colaboran no proxecto tamén ofrecen unha degustación de produtos da Lonxa de Barallobre á súa clientela co obxectivo de que se valore a súa calidade en comparación co marisco procedente doutras latitudes.
Tal e como se sinala desde a área de Promoción Económica, o proxecto "O sabor do mar na túa mesa" insiste, unha vez máis, en que neste Nadal e en calquera outra época do ano o mellor é consumir produto de proximidade, comprado fresco na lonxa ou convertido en pratos exquisitos elaborados polos restaurantes locais que, ademais, neste momento ofrecen comidas e ceas para levar.
A relación de establecementos que se sumaron á campaña -máis ben sinerxía entre hostalaría e confraría- pode consultarse na web de Turismo de Fene, Trátase da propia confraría Santiago Apóstol de Barallobre, O Son de Cociña, o Café Beiramar, La Casa de la Abuela, o Encontro de Leo e o Mesón de Feal. Na web atoparemos o teléfono e a localización, xunto con accesos directos ás súas redes sociais e tamén á carta descargable, fundamental para facer pedidos.
Ademais, desde o proxecto “FENE MAR VIVO II”, co apoio do Galp, da Confraría e da Concellería de Promoción Económica, sortearanse 40 ceas para dúas persoas entre a clientela destes locais.