O Concello de Fene e a asociación INDICAN emprenden a campaña de concienciación "As vidas non se compran" sobre a tenza responsable de cans e a prevención do seu abandono
23-12-2020
O Concello de Fene, a través da Concellaría de Medio Ambiente, e maila asociación Iniciativa Dignidad Canina -INDICAN- acaban de poñer en marcha unha campaña de sensibilización cidadá con dous obxectivos principais: evitar a merca de cans durante o Nadal e concienciar sobre os coidados e a responsabilidade que implica facerse cargo dunha mascota que se converterá nun membro máis da familia. A iniciativa -que vai acompañada de material divulgativo- tamén pretende fomentar a adopción como alternativa, coa finalidade de aliviar o ateigamento da canceira de Mougá e doutras protectoras que traballan na comarca.
O cartel editado polo Concello vai encabezado co lema "As vidas non se compran", poñendo de relevancia e denunciando ao mesmo tempo que España é un dos países cunha maior taxa de abandono animal, sobre todo cans que foron agasallos de Nadal e que rematan uns meses despois encadeados, engaiolados, tirados en colectores, afogados, mortos por inanición ou frío ou, no mellor dos casos, abandonados en canceiras e refuxios.
Unha realidade cualificada como "vergoñenta" polo departamento de Medio Ambiente de Fene que se tenta atallar a base de concienciación, comezando precisamente por estas datas. A concellaría incide na mensaxe de que os cans -e outros animais- non son xoguetes, senón seres con sentimentos que tamén sofren e, por ese feito, traer un can para a casa é unha responsabilidade para toda a vida, xa que o animal dependerá de nós para sobrevivir e deberá recibir os coidados que necesita.
Neste sentido, a campaña promovida polo Concello de Fene e a asociación INDICAN avoga porque, unha vez se teña asumida esa responsabilidade, se opte preferentemente pola adopción para non fomentar a cría ilegal e para aliviar a superpoboación da canceira de Mougá e as protectoras da comarca.
A cartelaría da iniciativa distribuirase por todo o territorio fenés e tamén nas redes sociais -entre elas a páxina en facebook Fene Adopta- onde se convida a utilizar os lemas co pechacancelas #NonAoAbandono, #NonSonXoguetes, #SonFamilia, #AdoptandoSalvasVidas e #FeneAdopta.
Ademais tamén se introduce un recordatorio do contido da Lei 4/2017 de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, que prohíbe, entre outras prácticas, o abandono, o encadeamento continuado ou a limitación dos movementos dos cans durante a maior parte do día. Condutas que poden ser sancionadas con multas de entre 500 e 5.000 euros e mesmo con penas de cadea. Desde Medio Ambiente pídese que, ante situacións semellantes, "non se mire para outro lado", senón que se lle comunique á Policía Local, á Garda Civil ou mediante mensaxe á páxina en facebook @FeneAdopta. Dos casos de abandono ou maltrato tamén se pode informar ao refuxio de animais de Mougá e a INDICAN (iniciativadignidadcanina@gmail.com)
Compromiso municipal co benestar animal
A campaña que arranca estes días non será unha actividade illada, senón que forma parte dun conxunto de iniciativas enfocadas a incluír o benestar animal como un dos eixos de traballo do executivo local en colaboración con Iniciativa Dignidad Canina.
Dentro desa colaboración, a partir do 2021 levaranse a cabo sesións de sensibilización nos centros educativos, accións orientadas á empatía cos animais, a habilitación de espazos para socialización e interacción entre cans e tamén con humanos, a xestión controlada das colonias felinas -coa implicación activa da cidadanía-, a concienciación "para facer fronte á discriminación e os graves prexuízos que sofren os mal chamados cans perigosos" e outros aspectos relacionados. A fin última de todas estas propostas é avanzar na sensibilización ao respecto da tenza responsable e o compromiso que supón coidar e educar un animal doméstico nun contexto urbano "para acadar unha convivencia o máis respectuosa e harmónica posible".