O Concello instala un novo ascensor na piscina municipal de Centieiras
24-12-2020
Este mércores entrou en funcionamento o novo ascensor instalado polo Concello na piscina municipal, co que se mellora a accesibilidade e usabilidade das instalacións, especialmente para persoas que precisen cadeira de rodas ou que teñan a mobilidade reducida. No equipamento, con capacidade para 8 persoas, investíronse 22.827,22 euros e, ademais, supón a adaptación do elevador á normativa de obrigado cumprimento sobre dimensións mínimas e seguridade.
As obras de renovación consistiron en dous traballos principais. O primeiro foi todo de albanelaría para darlle maior larganza ao oco que alberga a cabina e a maquinaria, xunto coa modificación dos tabiques de cada andar para poder darlles máis ancho ás portas.
A segunda parte da reforma centrouse no propio equipamento de levación que, de acordo coa nova normativa, aumenta a súa capacidade e tamén as dimensións dos accesos. Conta con 1,1 m de ancho, 1,4 m de profundidade e 2,2 m de altura, é dicir, case 3,4 metros cúbicos de volume, que vén sendo unha capacidade homologada para 8 persoas.
As portas corredeiras aseguran agora 900 milímetros de paso, o mínimo esixido na normativa para que poidan entrar e saír sen problemas as persoas que precisen cadeira de rodas. Ademais, os sensores de accionamento automático van colocados en todo o contorno da porta -e non nun único punto, como ocorría ata agora-, de maneira que o ascensor nin sequera fará amago de se pechar cando alguén estea entrando ou saíndo. En relación coa seguridade, a instalación tamén dispón dun sistema electrónico que monitoriza o estado dos cabos de aceiro as 24 horas do día e durante os 7 días da semana.
Esta reforma levouse a cabo co obxectivo de garantir a accesibilidade en todo o edificio, especialmente ás persoas con mobilidade reducida, e tamén incrementar o uso da totalidade das instalacións para toda a veciñanza.