O Concello pecha 2020 con tan só 136.786€ en facturas pendentes de aprobación
A cifra contrasta co peche de 2019, cando o montante de débedas municipais con empresas provedoras ascendía a case 1,2 millóns de euros
11-01-2021
A Concellaría de Facenda destaca o maior rigor no control do gasto e as modificacións nas bases de execución do Orzamento como principais claves para poder efectuar os pagamentos en prazos razoables
A Concellaría de Facenda de Fene contabilizou a 31 de decembro de 2020 un total de 116 facturas pendentes de aprobar por un montante total de 136.738,05€. A cifra é moi inferior ás contabilizadas a finais de 2019, cando ese importe se situaba en 1.187.567,42€. Desde a área económica destácase que durante o ano que acaba de finalizar se saldaron as débedas pendentes do exercicio anterior e que, ademais, se dotou o orzamento de ferramentas que agora permiten xestionalo de forma máis áxil, de cara a incrementar o rigor no control do gasto e acurtar os prazos de pagamento.
A finais de 2019, o Concello de Fene tiña cerca de 1,2 millóns de euros en facturas pendentes de pagar, nuns casos correspondentes a traballos encargados que non seguiran os cauces de fiscalización previa para saber se existían fondos nas partidas e noutros eran facturas que directamente non dispuñan de reserva de crédito no orzamento.
Nesta situación, xa en 2020, o consistorio tivo que levar a cabo un recoñecemento deses gastos para poder pagalos e acometer dúas grandes modificacións orzamentarias para trasvasar fondos de partidas con recursos a outras que xa estaban esgotadas e poder así satisfacer importes que acumulaban meses de retraso.
Ademais de recoñecer facturas pendentes, o Executivo local tamén promoveu unha modificación das Bases de execución do Orzamento -a normativa que rexe o seu funcionamento- para dotalo de maior flexibilidade á hora de vincular partidas e facilitar así as operacións de gasto e pagamento en prazos moito máis razoables.
Tal e como se apunta desde a Concellaría de Facenda, o 2020 pechou con 116 facturas pendentes de aprobar en Xunta de Goberno Local -a maior parte delas por gastos de servizos e subministracións facturados a fin de decembro- que en conxunto suman un importe de 136.738,05€.
Case a metade desta cantidade correspóndese coa nota presentada pola empresa xestora do SAF -63.708,01- polos servizos prestados en decembro, mentres que o resto son facturas con contías inferiores a 2.000 euros pertencentes a servizos e subministracións habituais do Concello, como son, por exemplo, combustibles e electricidade. Tanto estas como outras facturas presentadas por empresas e pequenos autónomos aprobaranse en Xunta de Goberno Local nestes días e pagaranse nun prazo que nestes momentos está sendo inferior a un mes.