O Concello saca adiante dunha tacada as convocatorias para 8 prazas das ofertas de emprego público de 2017, 2018, 2019 e 2020
14-01-2021
Ao longo deste ano tamén se agardan convocar as oposicións para cubrir outras 6 vacantes
O Concello de Fene ten en marcha nestes momentos varios procesos para a cobertura de vacantes no seu cadro de persoal que, na práctica, supoñen a maior oferta de emprego municipal dos últimos anos. Hoxe mesmo o Boletín Oficial do Estado publicou o inicio do prazo de presentación de instancias para participar no concurso oposición de tres prazas de auxiliar administrativo/a e unha de peón ou peoa do servizo de limpeza. As persoas aspirantes teñen desde este venres 15 de xaneiro ata o día 3 de febreiro para botar as súas solicitudes e acceder aos procesos selectivos destes catro postos incluídos nas ofertas de emprego público de 2017, 2018 e 2019. Porén, a cousa non para aí, xa que no mes de decembro tamén se publicaron as bases para unha praza de conserxe e para outra de administrativa/o encadradas ambas na oferta pública de 2018, pendentes de saír no BOE para que empece a correr o prazo de presentación de solicitudes. Ademais, a Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde esta mañá ás bases da selección doutra praza de administrativo/a da Oferta de Emprego Público de 2020, na que tamén se recollen dúas vacantes máis que o consistorio pretende cubrir ao longo deste ano que acaba de comezar. A intención municipal é completar tamén neste 2021 os procesos de técnico de Administración xeral e Oficial de Albanelaría -da OEP de 2018- e as de Bibliotecario/a e Arquitecto/a, pertencentes á oferta de 2019.
Desde a Concellaría de Persoal destácase a aposta decidida polo emprego público como fórmula para garantir un Concello moderno, eficiente e capaz de darlle resposta ás demandas da veciñanza, especialmente en circunstancias adversas como as que estamos a vivir, ao tempo que se engade que a cobertura de vacantes é moi necesaria para o normal funcionamento do consistorio.
Os procesos que botaron a andar en decembro coa publicación das correspondentes bases van dirixidos á selección de 3 auxiliares administrativos/as -das ofertas de 2017,2018 e 2019- e 1 peón ou peoa de limpeza -pertencente á OEP de 2017-, que en ambos casos terán aberto o prazo de presentación de solicitudes desde o 15 de xaneiro até o 3 de febreiro (20 días naturais).
En decembro tamén se publicaron as bases para cubrir unha praza de conserxe da oferta de 2017 e outra de administrativa/o de 2018. Ademais, hoxe mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou o procedemento polo que se rexerá a contratación dun ou dunha administrativa, encadrado na OEP de 2020 -publicada no BOP do 7 de decembro-, cuxas probas selectivas se farán coincidir coas da convocatoria referida á do 2018.
Débese ter presente, iso si, que os prazos para rexistrar as instancias empezarán a contar no momento en que o indique o Boletín Oficial do Estado, non antes. Nas últimas semanas houbo varias persoas que quixeron rexistrar as súas solicitudes despois de ver as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia sen que o prazo estivese aínda aberto. Por este motivo, desde a Concellaría de Persoal prégaselles ás persoas aspirantes que lean ben as convocatorias, xa que nas bases pon ben claro que os prazos empezarán a contar despois de que se publique o correspondente anuncio no BOE.
Oferta de Emprego Público de 2020
Ademais de dárlle o pulo definitivo as convocatorias das ofertas de 2017, 2018 e 2019, o Concello tamén ten previsto axilizar as relacionadas coa Oferta de Emprego Público de 2020. Xunto coa publicación inminente das bases da praza de administrativo/a aprobadas hoxe en XGL tamén se inclúe a provisión dunha praza laboral de peón ou peoa de xardíns -con reserva para persoas con discapacidade- e outra pertencente á taxa de estabilización de emprego temporal do posto de oficial de sepultura do cemiterio municipal, nestes dous últimos casos como persoal funcionario.
Deste modo quedarían só pendentes de iniciar o seu trámite as vacantes de Técnico de Administración Xeral e de Oficial Albanel -incluídas na OEP de 2018- e as convocatorias para a cobertura da praza de Bibliotecario/a e Arquitecto/a Técnico/a, reflectidas na oferta pública de 2019, sen contar as reservadas a promoción interna.
Aínda que o Estatuto Básico do Empregado Público dá de marxe ata tres anos para efectuar os procesos selectivos das ofertas de emprego público, desde a Concellaría de Persoal avánzase que o obxectivo municipal é convocar ao longo deste mesmo ano as prazas previstas na oferta de 2020 e as pendentes de 2018 e 2019, coa finalidade de que non se produzan retrasos innecesarios na cobertura de vacantes existentes no cadro municipal.