Mensaxe do alcalde de Fene, Juventino Trigo, a propósito da grave situación sanitaria pola que atravesa o concello
22-01-2021
Veciños e veciñas de Fene. Diríxome a vós nunha situación de extrema gravidade no noso Concello. Dende a xerencia da Área Sanitaria de Ferrol veñen de comunicarme que, a día de hoxe, temos rexistrados en Fene 151 casos activos de contaxio por Covid 19. Ademais, a incidencia acumulada supera nestes intres os mil casos por cen mil habitantes (o que podería conlevar a inclusión de Fene na relación de concellos considerados de risco extremo)
A situación de Fene agora mesmo é moi complicada. Levamos días vendo como as cifras de contaxios medran exponencialmente, ao igual que medran os ingresos hospitalarios dalgúns dos nosos veciños e veciñas. E, por se iso fora pouco, nas últimas horas, comunicáronnos o peche dunha aula no IES de Fene cun elevado índice de contaxios entre o alumnado.
Con este panorama, e en vista de que a curva de contaxios continúa á alza, dende o Goberno Munipal de Fene acordamos solicitar de xeito inmediato aos responsables da Área Sanitaria un cribado masivo entre a poboación e, particularmente, para o IES de Fene. Cuestión que trasladamos tamén á Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta. Ademais, imos continuar cos controis policiais de mobilidade e de aforos para garantir, na medida do posible, o cumprimento das normas.
De todos os xeitos, chegados a este punto, pídovos que reflexionedes. Os recursos cos que conta o Concello de Fene son limitados e esta situación non se pode reverter unicamente con controis policiais. Porque este é un problema de todos (homes e mulleres, mozas e mozos, nenos e vellos). E, entre todas e todos, temos a obriga e a necesidade de paralo.
Precisamos do voso compromiso, individual e colectivo, na defensa da saúde do conxunto da veciñanza. Precisamos da vosa colaboración cumprindo escrupulosamente as normas e recomendacións sanitarias: o uso de mascara, a distancia de seguridade, a hixiene de mans. Pero tamén evitando desprazamentos innecesarios, respectando o peche perimetral e limitando, na medida do posible, as relacións sociais con non convivintes.
Sabemos que estes tempos, difíciles para todos, están a ser especialmente complicados para a xente da hostalería e do comercio. E aínda que detectamos que algunhas persoas non están a cumprir coas normas como deberan (o que nos obriga a seguir vixiantes), a maioría sí o está a facer, feito que compre recoñecer, valorar e agradecer.
E para quenes non cumpren, pedirlles que miren ao seu redor, que escoiten as mensaxes de auxilio que nos está a trasladar o persoal sanitario (que logo de tantos meses de pandemia, está ao límite). E que pensen, que se isto non o freamos agora, virán tempos peores.