Responsables da Concellería de Medio Ambiente e da asociación INDICAN reuníronse para sentar as bases das actuacións de mellora do benestar animal en Fene

Responsables da Concellería de Medio Ambiente e da asociación INDICAN reuníronse para sentar as bases das actuacións de mellora do benestar animal en Fene

Desenvolver campañas de sensibilización en relación coa convivencia e o respecto cara os gatos que viven nas colonias do termo municipal; para fomentar a adopción fronte á compra de mascotas; ou para abordar a necesidade de acabar co estigma dos mal chamados cans perigosos. Foron algunhas das iniciativas acordadas na xuntanza que o pasado venres mantivo a concelleira de Medio Ambiente, Marta Pereiro, con responsables da asociación INDICAN. O obxectivo do encontro era planificar actuacións para "mellorar a calidade de vida de todos os animais, tanto domésticos como sen domesticar, que habitan nas nosas parroquias e acadar unha maior concienciación e implicación dos nosos veciños nesta materia".

O primeiro tema a tratar foi a elaboración dun convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades onde se definan as principais liñas de actuación a levar a cabo conxuntamente durante todo este ano.

Doutra banda, abordouse a necesidade de ampliar e difundir as Ordenanzas Municipais do Concello de Fene a respecto de distintas cuestións relacionadas co benestar animal, como as colonias felinas ou o uso dos espazos públicos específicos para as nosasmascotas, co obxectivo de facer máis partícipe á cidadanía.

Dende a Concellería de Medio Ambiente "cremos que unha das cuestións máis importantes para lograr o noso obxectivo de crear un Municipio onde, tanto a veciñanza coma todos os animais que residen nel, convivan en harmonía e co respecto que se merecen, é a educación e a información". Por este motivo, ao longo dos vindeiros meses desenvolveranse, en colaboración con INDICAN, "distintas campañas de sensibilización que se centrarán nos temas que cremos máis urxentes, como é a convivencia e o respecto cara os gatos que viven nas colonias do noso municipio, o fomento da adopción fronte á compra de mascotas ou a necesidade de acabar co estigma dos mal chamados cans perigosos".

Respecto do tema das colonias felinas, responsables deste departamento avanzan que se está a estudar a mellor forma de xestión e control das mesmas, priorizando o benestar dos felinos, así como a mellora da convivencia coa cidadanía . A lei actual deixa en mans dos Concellos a xestión deste tipo de animais, e "é a nosa responsabilidade asegurar que todos eles teñan unha vida plena e proporcionarlles as necesidades básicas para iso".