O Concello pecha instalacións deportivas e culturais e tamén os parques infantís
27-01-2021
Desde hai unhas horas están en vigor as novas medidas decretadas pola Xunta para tentar frear o avance do coronavirus que se manterán, polo menos, até o próximo 17 de febreiro. O máis destacado é o mantemento do peche perimetral do concello e do toque de recollida entre as 10 da noite e as 6 da mañá, ademais da redución dos grupos só a persoas conviventes, o peche da hostalaría (que só poderá atender entregas e reparto a domicilio) e a obriga de baixar a persiana no comercio non esencial despois das 18.00h. A situación sanitaria do noso municipio é de extrema gravedade, tras comunicar o SERGAS esta mañá un total de 153 casos activos. De acordo coas normas preventivas, o Concello pechou todas as instalacións deportivas e culturais e, ademais, o Goberno local tamén decidiu clausurar os parques infantís e biosaudables de todo o territorio.
A normativa autonómica indica que nos parques infantís e biosaudables se deben levar a cabo desinfeccións diarias e garantir un espazo por persoa de polo menos 4 m². Ademais, segundo reflicte o DOG, tamén cumpriría dotar as instalacións con dispensadores de xel hidroalcólico ou unha solución xabonosa se é que poden utilizalos menores de dous anos.
Medidas de prevención, en definitiva, cuxo cumprimento suporía unha grande dificultade loxística e de medios humanos, dado o elevado número de espazos deste tipo que hai en Fene e a súa dispersión xeográfica. Por este motivo, o Goberno local tomou a decisión de clausurar temporalmente todos os parques e áreas de lecer de titulariedade municipal, ao tempo que fai un chamamento á responsabilidade individual pedindo que non se utilice ningún destes lugares mentres a situación non permita facelo con seguridade.
Alén dos parques, o consistorio tamén pechou a actividade nos pavillóns municipais e na piscina de Centieiras, ademais de facer o propio coa Casa da Cultura-Museo do Humor, a biblioteca municipal e a caseta de información turística. Temporalmente manteranse abertas as pistas polideportivas ao aire libre para a práctica deportiva individual ou con conviventes -en ambos casos con máscara-, aínda que tamén se advirte que a Policía Local intensificará a vixilancia para comprobar que neles se respecta a normativa. A este respecto non se descarta clausurar tamén estes espazos no caso de que se detecten aglomeracións ou o calquera outro incumprimento da normativa de prevención.
Máxima responsabilidade
As medidas que entraron en vigor esta medianoite -que poden consultarse íntegras no DOG ou na web coronavirus.sergas.gal- buscan frear os contaxios e a incidencia da COVID-19, situada en máximos desde o comezo da pandemia e máis graves aínda se cabe en Fene, onde hoxe se contabilizaban 153 casos activos.
En todos os municipios de Galicia son de aplicación as restricións máximas. As máis destacadas son o peche perimetral individual dos 313 concellos, o mantemento do toque de recollida entre as 22.00 e as 06.00h., a limitación dos grupos en espazos públicos e privados só a persoas conviventes e o peche dos establecementos de produtos non esenciais despois das 18.00h., mentres que aqueles especificados na normativa e relacionados coa comercialización de alimentos, medicinas e outros produtos básicos -tamén os servizos profesionais- poderán seguir abertos despois desa hora sen sobrepasar as 21.30h.
Tamén pecha a hostalaría, onde só se poderá continuar coa actividade de reparto a domicilio até as 00.00h. ou ben atender a recollida de encargas no local. Sobre esta última cuestión, a Concellaría de Seguridade recorda que non está permitido que os locais sirvan consumicións á clientela mentres agardan e, do mesmo modo, tampouco estaría permitido que a clientela consuma dentro do local mentres espera. É máis, cando se acuda recoller un produto, este debe consumirse no domicilio. Tampouco estaría autorizado consumir os produtos adquiridos na beirarrúa á porta do establecemento e cabe recordar que segue en vigor desde o verán a prohibición de beber alcol na vía pública.
Canda estas medidas particulares reflectidas na normativa, desde o Concello insístese en que se deben por en práctica todas as obrigas e recomendacións de autoprotección: uso da máscara -tamén na actividade deportiva individual-, separación mínima de 1,5 metros, hixiene respiratoria, non fregar os ollos, o nariz ou a boca, e saír da casa só para o imprescindible, como pode ser acudir ao traballo, mercar alimentos e produtos básicos ou ir a consultas médicas.
Tamén se insiste en que no caso de encontrarnos mal ou presentar síntomas coincidentes cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus ou de estar en espera dunha PCR- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os sinais máis frecuentes da enfermidade son os seguintes: febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.
Por outra banda tamén se lembra a recomendación de solicitar cita previa para realizar calquera xestión presencial nas oficinas municipais chamando ao 981 061 034, ou ben facer os trámites máis comúns a través da Sede Electrónica.
Ademais, o Concello reactivou o servizo de axuda para a compra de alimentos, medicamentos ou produtos de primeira necesidade no caso de que haxa que gardar confinamento ou non se conte cunha rede de apoio familiar ou veciñal que poida cubrir este tipo de necesidades. Para solicitar este servizo hai que contactar co Centro Municipal de Servizos Sociais -981 492 706 / 981 342 607 / 607 616 840- ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal.