A Policía Local de Fene intensifica a vixilancia para o cumprimento da normativa COVID
01-02-2021
Dende que comezou a pandemia, a Policía Local de Fene tramitou 59 denuncias relacionadas coa Covid 19 e as distintas normativas de seguridade e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias nestes meses. A maioría das sancións rexistradas en Fene foron por incumprimento das restriccións á mobilidade e do peche perimetral e, en segundo lugar, polo non uso da máscara en espazos públicos, aínda que tamén se tramitaron algunhas denuncias relacionadas cos horarios e aforos en establecementos de hostalería e comerciais. A última das intervencións realizadas polos axentes locais foi durante esta pasada fin de semana nun botellón no que participaban 6 mozos e mozas na parroquia de Perlío, tramitándose as correspondentes propostas de sanción.
Nos últimos tempos, a Policía Local de Fene está a traballar de xeito coordinado coa Garda Civil de Fene e de Tráfico, participando en actuacións conxuntas de control da mobilidade e de peches perimetrais.
Tendo en conta que a situación sanitaria do concello de Fene continúa a ser preocupante (no día de hoxe notificáronse 150 casos activos e a incidencia acumulada continúa a estar por riba dos 1000 casos nos últimos 14 días), dende a Policía Municipal insisten na necesidade de cumprir escrupulosamente coas medidas de seguridade e hixiene implantadas: respectar as restricións á mobilidade (peche perimetral individual dos concellos); saír da casa só o imprescindible; evitar as relacións sociais (só con convivintes); empregar sempre a máscara ao saír da casa, tamén para facer deporte; manter a distancia de seguridade de 1,5 m; lavar ou desinfectar as mans con frecuencia; e autoconfinarse se nos atopamos mal, se demos positivo ou se tivemos contacto estreito con algún caso confirmado ou que estea á espera de que lle fagan unha PCR. E, no caso de notar síntomas, chamar ao 900 400 116 (ou ao 061 se son graves).