Fene aproba máis de 1,1 millóns de euros en proxectos e investimentos cofinanciados polos fondos provinciais
02-02-2021
O pleno municipal ratifica a distribución do POS+ cos votos favorables de BNG, PSOE e EU, mentres que o PP se abstivo
Juventino Trigo na sesión telemática do Pleno Municipal
O Concello de Fene celebrou a primeira hora desta mañá un pleno extraordinario e urxente para aprobar a distribución dos fondos POS+, así como os proxectos que se van acometer con estas achegas da Deputación da Coruña. Algo máis de 237.000 euros dedicaranse a cubrir gasto corrente do consistorio, outros 250.000 axudarán a financiar tres proxectos de infraestruturas básicas cuantificados en 345.000 euros -os 95.000 euros de diferenza asumiraos o Concello con recursos propios- e, por primeira vez, tamén se disporá dun Plan Adicional para gastos extraordinarios derivados da actual situación sanitaria. O chamado "POS Social" ascende no caso de Fene a 143.700 euros, que se destinarán integramente a financiar o Servizo de Axuda no Fogar. Todos estes apartados con importes e actuacións comprometidos chegan aos 726.140 euros. Porén, non foron as únicas previsións de investimento aprobadas polo pleno, posto que na sesión tamén se lle deu o visto e prace ao Plan Complementario con outro paquete de obras públicas cercano aos 429.000 euros que se executarán na medida en que a Deputación libere máis fondos para poder levalas a cabo. O pleno, celebrado de forma telemática, só contou os votos favorables dos partidos do Grupo de Goberno, mentres que o PP optou pola abstención nos tres puntos da orde do día, incluída a propia urxencia da convocatoria.
Aínda que se fale do POS+ como un todo global, este programa de colaboración entre a Deputación da Coruña e os concellos divídese en varias liñas de financiamento coas que se persegue que os municipios teñan un maior poder de decisión á hora de axeitar os cartos dispoñibles ás súas necesidades e tamén unha maior flexibilidade á hora de financiar os seus proxectos, habida conta de que os importes aprobados inicialmente adoitan incrementarse despois con novas provisións económicas resultado das baixas en licitacións públicas ou de remanentes provinciais.
O Plan Único de Concellos ten cinco apartados: un cunha contía fixa que os consistorios poden dedicar indistintamente a gasto corrente ou investimentos, outro exclusivo para investimentos financeiramente sostibles, un terceiro en forma de préstamo sen xuros -ao que Fene non se acollerá este ano- e, por último, neste 2021 tamén unha achega extraordinaria para gasto social. E, a maiores dos catro anteriores, tamén está o Plan Complementario, no que a Deputación lles pide aos municipios que presenten proxectos valorados polo menos no 50% dos fondos xa asignados, en previsión de xerar máis recursos económicos durante o ano para poder facelos.
De acordo con esta divisións do POS+ 2021, o Goberno local de Fene levou a pleno esta mañá unha proposta que, en primeiro lugar, dedica os 237.105,39 € da achega fixa deste ano a financiar gasto corrente municipal, é dicir, consumos -principalmente enerxéticos- e subministracións necesarias para o funcionamento dos distintos servizos que presta o Concello.
A segunda parte do POS+ -nutrida con remanentes provinciais de 2020- irá toda a tres grandes proxectos de obras. En concreto, á reurbanización das Torres I, II e III de San Valentín -continuando así o programa plurianual de renovación dos servizos e a habitabilidade do barrio-; á extensión do abastecemento de auga municipal ás vivendas do Camiño dos Loureiros, do Camiño do Catalán e do Camiño da Vrea (Barallobre); e á mellora do pavimento e dos servizos soterrados no Camiño do Ortel, en Sillobre.
Segundo os deseños técnicos, estas tres intervencións -que se licitarán como proxectos independentes- teñen un custe conxunto de 345.335,29 euros. O Concello dedicará a elas 250.419,48 € do POS+ provincial e asumirá con fondos propios os 94.915,81€ restantes.
Plan Adicional para gastos sociais
Debido ás especiais circunstancias en que vivimos, a Deputación da Coruña cambiou o prazo da convocatoria do POS+, de maneira que en vez de pechalo en decembro, como viña sendo habitual, este ano ampliouse até o 5 de febreiro. Esta maior marxe permitiu habilitar un plan extraordinario -o primeiro Plan Adicional- con recursos para gasto de tipo social, dándolles aos municipios liberdade para elixir o seu destino sen saír dese marco xeral.
En Fene, o Goberno local optou por dirixir a achega asignada de 143.700 euros aos sobrecustes asistenciais xerados pola pandemia, nomeadamente ao financiamento dun Servizo de Axuda no Fogar que viu incrementadas considerablemente as horas de atención domiciliaria a persoas dependentes.
Este asunto foi o primeiro que se abordou na sesión celebrada esta mañá de forma telemática e, ao igual que o groso do POS+, só obtivo os votos favorables do BNG, do PSOE e de EU. O Partido Popular optou pola abstención tanto nestes dous asuntos como na votación da propia urxencia do pleno.
Avance do Plan Complementario
Dentro dos proxectos aprobados tamén se encontran os acollidos ao chamado Plan Complementario. Para facelos non hai consignación económica de momento, pero a Deputación esíxelles aos concellos que teñan aprobados programas de obras que sumen o 50% do total asignado, en previsión de que ao longo do ano desde o organismo provincial se poidan xerar partidas con que levalos a cabo, se non todos, si polo menos parte deles.
Fene aprobou tres actuacións: a ampliación do abastecemento de auga municipal ao eixo O Camiño Grande-O Cotillón e aos lugares da Fraga e O Sino, en Limodre -124.805,24 euros- e aos enclaves da Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira, en Sillobre, cun proxecto cuantificado en 131.964,54 euros.
O terceiro plan de obras incluído no programa provincial é a reurbanización completa da rúa Antonia Montero, en Perlío, cun custe estimado de 172.165,31 euros.