O Concello de Fene súmase ao compromiso "Unha árbore por Europa"

O Concello de Fene súmase ao compromiso "Unha árbore por Europa"

Ao obxecto de visibilizar a importancia do coidado do noso entorno, a Concellería de Medio Ambiente ven de promover a adhesión do Concello de Fene á campaña "Unha árbore por Europa". A iniciativa implica o compromiso da administración local de promover e mellorar a sustentabilidade e a calidade do aire nas parroquias do termo municipal.

A través deste programa, o Concello comprométese a incrementar a cantidade de árbores autóctonas existentes dentro do municipio e a incrementar a participación en actividades ambientais entre as autoridades locais e a cidadanía, facendo especial fincapé en actividades formativas nos centros escolares do concello. A idea é promover o desenvolvemento sostible no ámbito local, empregando o lema #UnhaÁrborePorEuropa.

Dende a Concellería de Medio Ambiente "queremos visibilizar a importancia do coidado do medio ambiente como algo prioritario para acadar a mellora do noso entorno". E neste campo, engaden, "é imprescindible o traballo en equipo entre as administracións públicas e a cidadanía para lograr un compromiso ambiental e gozar de zonas verdes saudables".

Froito desta iniciativa, ao longo dos vindeiros meses a Concellería de Medio Ambiente de Fene impulsará varias campañas e actividades, procurando a implicación da cidadanía, tales como: limpezas manuais de praias; campañas informativas a respecto do problema que supón o mal uso do plástico; campañas para o fomento da reciclaxe; formación sobre compostaxe e os seus beneficios; recuperación de zonas verdes; plantación de especies autóctonas… Todo iso, co obxectivo final de concienciar sobre a importancia de coidar o noso medio ambiente e de potenciar o noso territorio, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas, así como da nosa fauna e flora.