O Concello e o SERGAS coinciden na necesidade de ampliar o Centro de Saúde
09-02-2021
O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, achegouse onte ao mediodía até San Valentín para seguir o desenvolvemento do cribado masivo que se está realizando estes días en Fene mediante PCR salival. Alén de constatar canda ao conselleiro a alta participación no proceso -onte entregáronse máis de 2.200 tubos- o alcalde, Juventino Trigo, aproveitou a visita para solicitar do SERGAS e da Xerencia da Área Sanitaria a ampliación do Centro de Saúde, co obxectivo de mellorar a calidade asistencial das instalacións. Segundo o rexedor, tanto o conselleiro como o xerente ferrolán, Ángel Facio, comprometéronse a iniciar de inmediato os contactos co consistorio para saber da situación urbanística do entorno do centro médico e, en base ao estudo das necesidades actuais e futuras, definir as características desa posible ampliación.
Nun aparte da visita, Juventino Trigo comentou con Julio García e Ángel Facio que as instalacións do Centro de Saúde de Fene precisan unha intervención urxente para mellorar as súas condicións e, ademais, aumentar o espazo dispoñible tanto nas zonas de consulta como de espera.
Segundo explicou o rexedor tralo encontro cos responsables do SERGAS, a petición susténtase nunha necesidade actual que se verá incrementada a curto e medio prazo pola propia evolución demográfica do municipio, onde o 52% da poboación ten máis de 55 anos. Por este motivo, Trigo tamén sinalou como prioritaria a previsión de dotar o centro con máis persoal, co obxectivo de darlle resposta a unha demanda asistencial que, a xuízo do rexedor local, ha de prestarse reducindo ao mínimo as listas de agarda e asegurando que o servizo conta con instalacións axeitadas.
O alcalde comentou esta mañá que, tal e como se desprende da conversa mantida onte, a Xunta tería intención de acometer melloras nos centros médicos da comarca comezando por aqueles cun maior número de persoas usuarias. O de Fene sería un deles e, neste sentido, o Conselleiro de Sanidade e o Xerente da Área Sanitaria de Ferrol mostraron a súa disposición para empezar a traballar en dúas liñas: por unha banda na definición das necesidades obxectivas do Centro de Saúde e, por outra, na solicitude de información ao Concello sobre a situación urbanística da parcela onde se asenta o edificio, de cara a coñecer a dispoñibilidade de espazo susceptible de acoller a ampliación.
Juventino Trigo agradeceu a boa disposición da Xunta para levar a cabo a reforma do edificio da avenida Tarrío e agarda que o compromiso expresado onte se traduza o antes posible na redacción por parte do SERGAS dun proxecto concreto que non só contemple a ampliación das instalacións, senón que se acompañe tamén dunha maior capacidade asistencial.
Solicitude de que o cribado chegue tamén ás persoas de ISFAS e MUFACE
O Conselleiro de Sanidade acudiu a Fene onte ao mediodía para ofrecer unha rolda de prensa sobre a situación actual da pandemia e para asistir ao primeiro cribado masivo que se fai en Galicia mediante a técnica da PCR salivar. No noso municipio están chamadas a participar neste estudo voluntario un total de 7.700 persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 65 anos, ademais do persoal dos centros de ensino.
O SERGAS citou mediante SMS a todas aquelas que tivesen a tarxeta sanitaria adscrita ao centro de saúde -ou ao consultorio de Maniños-, deixando fóra da convocatoria a aqueloutras pertencentes a ISFAS e MUFACE ou con médico de cabeceira noutras localidades. O alcalde de Fene solicitoulle ao conselleiro que o SERGAS mirase a maneira de incorporar ao cribado a toda esa veciñanza do concello que non foi convocada malia pertencer ao grupo demográfico que será obxecto de estudo na busca de positivos asintomáticos.
Desde a Xunta argumentaron a dificultade para chamar persoas con atención médica privada debido a que o SERGAS non dispón dos seus datos sanitarios e ao feito de que, para poder utilizalos, as aseguradoras terían que obter autorización das persoas titulares antes de cederllos ao Servizo Galego de Saúde. Con todo, o Conselleiro comprometeuse valorar as posibilidades de ampliar o estudo tamén a ese colectivo. Desde o Executivo local ofreceuse a colaboración municipal para habilitar espazos onde desenvolver as probas no caso de que, finalmente, o SERGAS decida incluír no estudo aos mutualistas.
No primeiro día do cribado estaban convocadas para recoller os seus tubos un total de 1.940 persoas. A última hora da tarde o SERGAS informou de que se repartiran un total de 2.218 kits, posto que as persoas citadas para onte tamén podían levar os tests de familiares conviventes chamados para os días seguintes. As mostras deberán entregarse ao longo da xornada de hoxe -antes das 19.30h.- na carpa situada diante das oficinas de Servizos Sociais, en San Valentín.
O Concello destaca a alta participación que se está rexistrando no cribado voluntario que se desenvolverá até o venres e tamén agradece a disposición da veciñanza para acudir ás citas, a pesar dos tempos de espera.