Concellos e representantes sindicais renúnense este mércores en Madrid cos principais grupos parlamentarios para demandaren solucións de futuro para a comarca

Concellos e representantes sindicais renúnense este mércores en Madrid cos principais grupos parlamentarios para demandaren solucións de futuro para a comarca

Os alcaldes da ría e representantes sindicais do naval participarán na tarde deste mércores nunha rolda de xuntanzas con deputados e senadores do PSOE, PP, Unidas Podemos e o BNG de cara a demandar carga de traballo para os estaleiros da ría. Nos encontros porase enriba da mesa a situación crítica do centro de Navantia Ferrol, que quedará en cuestión de semanas sen encargos, e tamén a da factoría de Fene, afectada pola deslocalización cara a Cádiz dos contratos públicos para a eólica mariña. O eixo central das xuntanzas será o futuro dos estaleiros, nomeadamente a mellora das súas infraestruturas e a garantía de sigan sendo motor económico da comarca, aínda que na axenda de temas para tratar, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, tamén inclúe a esixencia de alternativas ao peche de Endesa, Siemens-Gamesa ou Noa Madera Creativa, entre outras.

A expedición con destino a Madrid estará composta polo rexedor fenés, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e polo primeiro tenente de alcalde de Mugardos, José Miguel Mahía, -un de cada partido político- quen acompañarán á representación sindical da industria auxiliar e dos comités de empresa de Navantia Ferrol e Navantia Fene.

Ás 15.30h. está previsto o encontro cos deputados e senadores do PSOE, para ás 17.00h. está posta a xuntanza con Unidas Podemos e, na segunda metade da tarde, celebraranse as reunións co BNG -18.30h.- e, ás 19.30h., co Partido Popular.

O obxectivo de todas as xuntanzas é arrancar o apoio unánime das catro formacións para demandas que aseguren o futuro do naval en ambas marxes da ría. No caso de Navantia Ferrol márcase como prioridade a obtención de contratos a curto, medio e longo prazo ante un horizonte inmediato que, trala finalización do segundo buque de aprovisionamento para a Armada australiana, deixará o estaleiro sen carga de traballo.

Entre as peticións concretas está a construción do dique cuberto, un contrato intermedio antes do inicio das fragatas da serie F-101 (cuxo inicio se prevé para mediados ou finais de 2022) e, no caso de Fene, o reforzo da produción especializada na eólica marina que nestes momentos se estaría desviando cara ás factorías do sur, ademais da diversificación no ámbito da construción e a reparación naval civil.

Por outra banda, segundo informou Juventino Trigo, as xuntanzas cos grupos políticos tamén servirán para poñer o acento sobre a urxencia dun plan de reactivación para toda a comarca, e non só para o sector naval, que amorteza o impacto na economía e o emprego de peches coma o de Endesa, Siemens-Gamesa ou, no caso de Fene, a deslocalización de Noa Madera Creativa.