Fene dá un exemplo de responsabilidade participando de maneira masiva no cribado da semana pasada, onde só se detectaron 3 positivos

Fene dá un exemplo de responsabilidade participando de maneira masiva no cribado da semana pasada, onde só se detectaron 3 positivos

O SERGAS deu a coñecer onte o resultado do cribado que se desenvolveu en Fene durante a semana pasada mediante a técnica da PCR en saliva. O balance deixa dous datos relevantes: dunha banda a alta participación, que alcanzou as 6.217 persoas -o 81,5% das convocadas- e, da outra, o baixo número de casos asintomáticos detectados. E é que segundo informan as autoridades sanitarias, nos test realizados só apareceron 3 positivos. Desde o Concello destácase a implicación e o exemplo de responsabilidade ofrecido pola veciñanza de Fene, ao tempo que se recorda a necesidade de continuar aplicando as medidas de autoprotección e cumprindo con todas as restricións, que a partir deste mércores se verán aliviadas lixeiramente.
 
Esta medianoite entrarán en vigor as primeiras accións da desescalada "gradual" anunciada pola Xunta, coa que se pretende ir alixeirando as limitacións pouco a pouco. En Galicia están baixando os contaxios, pero segue habendo unha sobrecarga importante nas UCIs. Ademais, segundo informou onte Alberto Núñez Feijoo na súa comparecencia trala reunión do comité clínico, o obxectivo neste momento é "consolidar o descenso da incidencia" e, neste sentido, avógase pola "prudencia" para non dar pasos en falso que poidan significar unha repunta xeralizada de casos. "As medidas están sendo útiles", dixo Feijoo engadindo deseguido que "os datos non amosan aínda unha mellora suficiente" e que, ademais, cómpre prestarlle atención ás novas cepas do virus, máis contaxiosas e con efectos máis acusados.
 
Neste contexto, o Diario Oficial de Galicia publicou un decreto e máis unha orde que prorroga as restricións adoptadas o pasado 26 de xaneiro, é dicir, o mantemento de toda Galicia no nivel máximo de restricións que só varían en seis aspectos:
 
-O comercio de produtos non esenciais pode recuperar o seu horario habitual, mentres que os centros comerciais deberán continuar pechados na fin de semana
 
-A hostalaría deberá seguir pechada polo momento -agás para entregas a domicilio e recollidas no local-, pero a Xunta autorizará desde mañá a atención de cociña para transportistas nas áreas de servizo da Rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e Rede primaria básica de estradas de Galicia. Iso si, os usuarios e usuarias deberán presentar a tarxeta do CAP e xantar cear de maneira individual.
 
-A partir deste mércores permitirase o uso de instalacións deportivas ao aire libre para a práctica de deporte individual. Tamén se poderán retomar as competicións federadas autonómicas, aínda que sen público.

-O DOG tamén recolle a posibilidade de reiniciar as actividades culturais, reabrir bibliotecas e museos, o teatro,o cine e os programas en auditorios, sempre sen superar o 30% do seu aforo e garantindo a separación interpersoal. 
 
-A partir do luns 22 recuperaranse as clases presenciais en ensinanzas especiais, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e escolas privadas de danza e música, agás no caso de ensino de instrumentos de vento e canto. Nas universidades volverán ás aulas o 1 de marzo. A partir da semana que vén ofreceráselle ao estudantado das universidades a posibilidade de facer unha PCR antes da volta ás aulas.

-En residencias da terceira idade que completasen o ciclo de vacinación nos dez días anteriores tamén se permitirán 3 visitas á semana por parte de 2 familiares de referencia. As persoas que estean en centros de discapacidade e que tamén estean vacinadas coas dúas doses nos dez días anteriores poderán ir ás súas casas durante a fin de semana.

Polo tanto, de momento, segue en activo o toque de queda de 22.00h. a 06.00h., tamén o peche perimetral individual dos concellos e todas as demais medidas restritivas en vigor desde o 26 de xaneiro, que volverán ser revisadas polo comité clínico o luns que vén.

Ese mesmo día tamén se prevé que comece a vacinación a maiores de 80 anos, empezando polas persoas que teñan o apelido da letra "H" (fíxose un sorteo perante notario). As vacinas, segundo Feijoo, daranse citando previamente ás persoas no centro de saúde de cabeceira de comarca, aínda que aquelas que teñan a mobilidade reducida poderán acudir ao que teñan máis próximo. No caso de persoas que non poidan moverse da casa, a Xunta fará vacinacións domiciliarias.
 
Alta participación no cribado de Fene
O SERGAS tamén informou onte sobre os resultados do cribado realizado en Fene a semana pasada entre a poboación de 15 a 65 anos. As autoridades sanitarias citaron a un total de 7.623 persoas, das cales recolleron os seus tubos 6.289, ben persoalmente ou por medio dalgún familiar convivente. De todos os tubos recollidos devolvéronse finalmente 6.217 mostras, o que sitúa a participación na convocatoria voluntaria nun 81,55%. Neste "pooling" mediante PCR por saliva detectáronse 3 casos positivos.
 
Desde o Concello agradécese a implicación, a responsabilidade e solidariedade demostrada pola veciñanza de Fene, a quen se lle pide que continúe poñendo en práctica todas as medidas de autoprotección e cumprindo coas restricións en vigor co obxectivo de reducir os contaxios de coronavirus e a incidencia da COVID-19.  Segundo os últimos datos publicados na web coronavirus.sergas.gal, o noso concello rexistra 47 casos acumulados a 14 días, o que sitúa a incidencia aínda por riba da ratio dos 250 por cada 100.000 habitantes.