O Concello recepciona as obras do camiño da Lomba e das Picas
17-03-2021
O investimento total supera os 115.000 euros, cos que se repararon as pistas en ambos lugares e se melloraron as redes de saneamento e abastecemento
Nestes días púxoselle o ramo a dous proxectos relacionados coa mellora viaria e dos servizos básicos nos lugares do camiño da Lomba, en Barallobre, e no das Picas, en Magalofes, nos que o Concello de Fene investiu en conxunto algo máis de 115.000 euros. As actuacións no camiño da Lomba consistiron no aglomerado de todo o trazado xunto coa instalación das canalizacións sanitarias e de abastecemento, mentres que no entorno das Picas se fixo unha ampliación do saneamento seguida tamén da reparación da pista. Ambos proxectos fináncianse con fondos provinciais.
No lugar das Picas, en Magalofes, soterrouse unha nova canalización para dotar a catro vivendas do servizo de saneamento municipal. Na práctica significa a ampliación da rede conectándoa por gravedade ao colector O Feal -O Regueiro, completado o ano pasado, cuxo tramo final se encontra uns 250 metros máis abaixo seguindo a pista (que tamén se amañou trala obra).
Ademais de achegarlle saneamento aos domicilios xa construídos, o Concello deixou preparada a infraestrutura de cara ao futuro. A zona ten a cualificación de solo rústico apto para urbanizar, de maneira que as novas construcións que se poidan edificar nos próximos anos xa terán dispoñible a conexión á rede de saneamento.
Melloras no camiño da Lomba
O Concello tamén recepcionou outro proxecto de obras xa rematado co que se renovou o firme e se instalaron canalizacións soterradas no camiño da Lomba, en Barallobre. O importe total dos traballos -efectuados por Excavaciones Saavedra y López S.L.- ascendeu a 73.900 euros.
Unha das finalidades da intervención foi mellorar o acceso á decena de vivendas existentes na zona -e tamén aos predios que se intercalan entre elas-, así como deixar lista para varios anos esta vía de enlace entre o Revolto e Nogueirido.
En todo o trazado -preto de medio quilómetro- botouse novo firme aglomerado que foi precedido do obxecto principal da obra: a instalación de conducións para o abastecemento de auga municipal e para a evacuación de augas residuais.
O saneamento e o abastecemento chegaban ata Nogueirido e o Revolto e agora tamén percorren todo o camiño da Lomba pasando por Romariz. Á vez que se ampliaron estas redes aproveitouse para aglomerar toda a pista buscando deste modo maior durabilidade do firme e maior protección para as tubaxes que hai debaixo del.
Tal e como se destaca desde o Goberno local, os traballos desenvolvidos no eixo Nogueirido-Romariz- O Revolto e nas Picas teñen como principal valor a ampliación de servizos básicos a dous lugares de Fene que non dispuñan deles.