Hoteis de insectos e viveiros de prantas aromáticas nos colexios de Fene, promovidos polo Concello
22-03-2021
As concellerías de Medio Ambiente e Educación do Concello de Fene veñen de poñer en marcha un programa de talleres de temática ambiental nos centros de ensino do termo municipal. A actividade, dirixida por monitores da empresa Ribeirán, ten como obxectivo “educar e concienciar ambientalmente aos nenos e nenas do noso concello para que aprendan na natureza sobre a natureza”.
O Colexio Os Casais de Maniños foi o escenario dos primeiros encontros deste ciclo que inclúe un taller de construcción dun hotel de insectos para que abellas, crisopas, xoaniñas e outros insectos, se instalen nel e xeren descencencia. Este primeiro taller vén acompañado doutro de prantación de prantas aromáticas coma o romeu ou a lavanda “co obxectivo de manter a biodiversidade e potenciar os cheiros nas proximidades do hotel de insectos”. Trátase, en definitiva, de “xerar un clima químico variado e diverso, atraendo polinizadores que fomentarán a agrupación de diferentes especies que se convertirán en amortiguadoras das poboacións de insectos”.
En relación coa posta en marcha do programa, a concelleira de Medio Ambiente de Fene, Marta Pereiro, salienta que “a concienciación ambiental é unha actitude perante a vida que, se se practica dende a infancia, permitirá que as crianzas se transformen en persoas adultas preocupadas pola conservación do medio ambiente”.