A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 26 e o 27 de marzo

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 26 e o 27 de marzo

O venres 26 de marzo de 15.30 a 21.00 horas e o sábado 27 de marzo de 10.00 h a 15.00 h a Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia estará diante do Centro de Saúde de Fene.

Nesta ocasión a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), fai un chamamento xeneralizado á participación da cidadanía e, moi especialmente, aos grupos A Positivo, Cero Positivo, A Negativo e B Negativo xa que as reservas destes catro grupos presentan niveis baixos.

As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.

Cómpre lembrar que os hospitais galegos precisan unha media de 500 doazóns diarias para levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial.

A Axencia convida a cidadanía a amosar o seu carácter xeneroso e solidario debido a que o aumento na demanda de compoñentes sanguíneos e a coincidencia de datas festivas nestas semanas ten repercutido nos niveis de reservas dos distintos grupos sanguíneos por mor do incremento da actividade asistencial hospitalaria e dos transplantes de órganos.

 

Doar: moi sinxelo

Pode doar sangue calquera persoa de máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C,...). A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida.