Fene celebrará o Día Internacional dos Bosques plantando castiñeiros en San Valentín
24-03-2021
No acto simbólico, adiado para este xoves ás 12.00h., participarán membros de ASPANEPS e varios colectivos ambientais
O Concello de Fene tamén apagará a luz co gallo da Hora do Planeta
Fene volve sumarse este sábado á iniciativa global "A Hora do Planeta" promovida pola WWF como xesto a prol da concienciación ambiental. Entre as 20.30 e as 21.30h. apagarase a iluminación pública da Casa da Cultura-Museo do Humor e tamén a da Casa do Concello. Desde a Concellaría de Medio Ambiente convídase, ademais, a que toda a veciñanza secunde a proposta apagando as luces da casa e desconectando aparellos eléctricos que non sexan imprescindibles.
A Hora do Planeta celebrarase neste 2021 de maneira virtual e por iso tamén se pide que empresas, asociacións e particulares suscriban os compromisos da WWF e que se comparta a campaña a través das redes sociais. A Hora do Planeta botou a andar en Australia no 2007 e faise coincidir co último sábado de marzo, xusto antes do cambio cara ao horario de verán. Outros anos acompañouse de encontros repartidos por todo o mundo, pero a irrupción da pandemia obrigou a suspender todas as xuntanzas e limitou a reivindicación unicamente ao apagado de espazos públicos e á difusión da súa mensaxe por medio da Rede.
Por iso neste 2021 a Hora do Planeta volverá ser principalmente virtual, mantendo a súa esencia de "movemento global para recordar que a natureza é o sistema de soporte vital do planeta, que nos brinda todo o que necesitamos, desde o aire que respiramo atá a auga que bebemos e os alimentos que comemos", tal e como indica na súa web a World Wildlife Fund engadindo que a defensa do ambiente é fundamental "para salvagardar a saúde do noso planeta e, á súa vez, a nosa propia saúde e benestar".
Ademais, a WWF destaca que 2021 será un ano trascendental para a preservación dos ecosistemas, habida conta de que en maio se celebrará en China o 15º Cumio sobre a biodiversidade, mentres que en novembro tocaralle ao Cumio sobre o Clima na cidade inglesa de Glasgow. "Serán dous momentos fundamentais para lograr un plan global ambicioso para transformar a relación da sociedade coa biodiversidade e garantir que, para 2050, se cumpra a visión compartida de vivir en harmonía coa natureza".
A Hora do Planeta está aberta á participación de todos e todas de múltiples maneiras. A primeira é apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos entre as 20.30 e as 21.30h. deste sábado. Canda esta proposta principal -á que o Concello se sumará baixando os interruptores da iluminación da Casa da Cultura e da Casa do Concello- tamén hai a posibilidade de suscribir en liña os compromisos da organización conservacionista e compartir a campaña a través das redes sociais.
En todo o Estado xa confirmaron a súa participación 393 municipios, 121 grandes empresas e 146 organizacións. En Galicia sumáronse á iniciativa -por agora- arredor dunha vintena de concellos. Na nosa zona, ademais de Fene, tamén apagarán as luces en diversos espazos públicos os municipios de Ferrol, San Sadurniño e Moeche.