O Concello prepara as praias para a Semana Santa
26-03-2021
As concellarías de Obras e Servizos e de Medio Ambiente de Fene andan atarefadas estes días preparando as praias do municipio para que estean en perfectas condicións de cara ás vacacións da Semana Santa. Os traballos céntranse na limpeza dos areais -incluído o peneirado-, na retirada de lixo e crebas traídas polas mareas e no adecentado dos accesos.
As actuacións xa comezaron e van levarse a cabo nas praias de Almieiras, Coído, Río Sandeu, Maniños, Carril e San Valentín. En todas elas séguese o mesmo esquema: limpar os accesos, as pasarelas e outras infraestruturas para, posteriormente, facer o propio ao pé da ría.
Neste último caso o labor é algo máis complexo, posto que require traballo manual e mecanizado. De feito estase peneirando e volteando a area para recoller materiais que puidesen estar soterrados por efecto da marea, pero tamén para airear a superficie. Todos os refugallos apáñanse para seren tratados de maneira selectiva e os cascallos e outros restos que non poden ir aos colectores procesaranse nun centro autorizado.
A limpeza forma parte do programa de conservación anual das praias de Fene, que se intensificou neste momento co obxectivo de preparar os areais en previsión de que veña bo tempo e coa finalidade de que estes espazos ofrezan as mellores condicións para gozar do aire libre durante a Semana Santa.