Convenio entre o Concello de Fene e a Fundación Humana para a recuperación de roupa e calzado usados
09-04-2021
A Concellería de Medio Ambiente de Fene ven de asinar un novo convenio coa organización Humana Fundación Pueblo para Pueblo, para a recuperación de roupa e calzado a través dunha rede de 6 colectores ubicados en distintos puntos do Concello.
A iniciativa ten como obxectivo obter o máximo aproveitamento do téxtil, dándolle unha segunda vida á roupa para favorecer un modelo de economía circular. Neste senso, o Concello de Fene "aposta pola re-utilización e a reciclaxe xa que se contribúe ao aforro de recursos, á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático". Ademais, permite "reducir o volume de residuos que acaban en vertedoiros e axuda a mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro xa que, por cada kilo de roupa que se reutiliza, evitase a emisión de 3,169 kg de CO2".
As prendas depositadas nos colectores de Humana destinaranse nun 53% á re-utilización. O 36%, adoita atoparse nun estado que imposibilita a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil. POr último, o 2% son residuos impropios que se poñen en mans de xestores autorizados e o 8,5% non se pode reutilizar, reciclar nin valorizar enerxéticamente polo que se envía a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final.
O convenio asinado entre a Concellería de Medio Ambiente de Fene e a organización Humana Fundación Pueblo para Pueblo terá unha duración de dous anos.