Fene ganará 200 prazas de aparcamento en pleno corazón comercial e hostaleiro do municipio

O Concello acordou a cesión temporal de tres solares situados nas inmediacións de Marqués de Figueroa e a rúa da Fraga, en Perlío, e cunha superficie conxunta de 6.000 metros cadrados

Fene ganará 200 prazas de aparcamento en pleno corazón comercial e hostaleiro do municipio

O Concello de Fene acaba de asinar cos propietarios o acordo de cesión de dúas parcelas de 4.000 metros cadrados situadas entre a rúa da Fraga e o río Cádavo, co obxectivo de habilitar unha grande zona de estacionamento no centro urbano e comercial do municipio. Estas dúas cesións súmanse a outra rubricada recentemente por un predio de 2.000 metros cercano á Praza Verde. O Goberno local calcula que, unha vez acondicionados, os tres solares terán capacidade para uns 200 vehículos.

Os acordos consisten, a grandes trazos, nunha cesión gratuíta dos solares durante catro anos -prorrogables despois por acordo das partes- a cambio de que o Concello se ocupe da súa limpeza e mantemento.  

Nos tres casos trátase de chan urbano sen edificar que nestes momentos se encontra cheo de maleza. O Concello rozaraos proximamente e despois converteraos en espazos para aparcar cunha capacidade aproximada de 200 prazas. A intervención municipal trala limpeza dos solares non implicará obras permanentes, senón que se buscará unicamente regularizar e reforzar o chan para que no inverno non haxa fochancas e que no verán non se ergan nubes de pó. Deste modo búscase que o impacto nos terreos sexa o mínimo e necesario para poder utilizalos, dado que a cesión ao Concello non é definitiva e, ademais, as parcelas están afectadas pola proximidade do río e incluso por Patrimonio.

Desde o Goberno local agradécese a disposición dos propietarios para colaborar co Concello na resolución dos problemas de estacionamento que veñen demandando desde hai anos os hostaleiros e comerciantes da zona.  Ademais o Executivo tamén apunta que os acordos son beneficiosos para todas as partes, posto que se libra aos titulares dos custes de conservación e, ao mesmo tempo, as inmediacións de Marqués de Figueroa e da rúa da Fraga ganan 6.000 metros de superficie destinada a aparcamento nunha zona céntrica, a escasos metros da zona comercial e preto de moitos outros servizos como son o propio Concello, Correos, o Centro de Saúde ou Viaqua.

Máis chan para usos públicos


O Concello insiste en que a cesión gratuíta das tres parcelas -dúas á beira da rúa da Fraga e outra nas proximidades da Praza Verde- terá unha vixencia inicial de 4 anos, con posibilidade de que se prorrogue con posterioridade.

Porén, o orzamento municipal aprobado inicialmente hai tan só dous días recolle unha partida de 200.000 euros para a adquisición de terreos noutros puntos do municipio co obxectivo de destinalos a usos e equipamentos públicos.