Os tres concellos cofinanciarán o servizo cunha achega proporcional á súa poboación
Fene, Cabanas e Ares dánlle o pulo definitivo ao Punto Limpo de Vilar do Colo
Fene licitará en breve a xestión indirecta do servizo, cuantificada nuns 69.000 euros anuais
28-04-2021
Os alcaldes de Fene, Cabanas e Ares asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre os tres municipios para a posta en marcha do Punto Limpo do Vilar do Colo. O acordo, ratificado polos respectivos plenos municipais, establece que os custes do servizo se sosterán con achegas proporcionais á poboación de cada concello, de maneira que a contribución económica de Fene se situará no 58,57%, a de Ares no 26,53 e a de Cabanas nun 14,9%. O resto de cuestións xa están definidas no regulamento de funcionamento do servizo aprobado a finais de 2018 e agora o único que queda pendente é licitar a súa xestión, algo que se conta facer en breve coa expectativa de que o Punto Limpo poida entrar en funcionamento antes do remate do ano.
As instalacións están rematadas desde 2013, e desde aquela houbo varias tentativas de poñelas en marcha que non chegaron a cuallar, debido principalmente á complexidade administrativa de artellar un sistema de xestión compartido entre varios municipios.
Quen primeiro estudaron un modelo compartido foron Fene e Cabanas, como cotitulares dunhas instalacións situadas na banda sur do polígono do Vilar do Colo, nas entremedias de ambos concellos. A eles uníronse logo Ares, Neda e Mugardos e, finalmente, estes dous últimos municipios acabaron descolgándose do proxecto en distintos momentos, de maneira que só quedaron en seguir adiante con el os que esta mañá suscribiron o convenio de colaboración.
O acordo rubricárono pouco despois das 10 da mañá o alcalde fenés, Juventino Trigo, o rexedor de Cabanas, Carlos Ladra, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, quen visitaron as instalacións trala sinatura na compaña dos responsables de Medio Ambiente de Fene e Cabanas, Marta Pereiro e Iago Varela, respectivamente.
Durante o percorrido os tres rexedores marcaron como prioridade que a entrada en funcionamento do servizo non acumule máis demoras e, en calquera caso, que a súa apertura se produza antes do remate deste mesmo ano.
Para iso o seguinte paso será a licitación da xestión indirecta das instalacións. O estudo económico previo cuantifica o prezo de saída do contrato en 69.058,36 euros. O Concello de Fene tramitará convocatoria do procedemento de adxudicación e despois, unha vez que o Punto Limpo comece a traballar, tamén será quen se encargue de pasarlle os recibos mensuais aos outros dous municipios, xunto con toda a información relativa ao seu funcionamento.
A contía que resulte do proceso de adxudicación -e os incrementos anuais previstos- sufragaranse proporcionalmente en base á poboación de cada municipio, de maneira que Fene asumirá o 58,57% dos custos, Ares o 26,53 e Cabanas o 14,90%.
Obxectivo: reducir impropios e vertedoiros ilegais
O convenio de colaboración asinado esta mañá significa o impulso definitivo ao Punto Limpo tras case oito anos de retrasos. Os principais beneficios que traerá aparellada a apertura das instalacións son unha mellor xestión dos residuos e un tratamento axeitado para moitos materiais que neste intre se están deixando na rúa, dentro de colectores que non corresponden ou ciscados aquí e acolá en vertedoiros incontrolados.
Alén dun serio problema ambiental, a actual situación significa tamén un importante gasto para os tres concellos, que por agora dependen da Mancomunidade para tratar voluminosos, aparellos electrónicos e outros tipos de refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Neste sentido os tres municipios levarán a cabo campañas informativas entre a veciñanza co obxectivo de informar sobre o tipo de refugallos que se poderán levar ás instalacións e para concienciar sobre a importancia da reciclaxe e da economía circular.