O Concello presenta este luns paseaporfene.gal, escaparate na rede para todo o comercio local

O Concello presenta este luns paseaporfene.gal, escaparate na rede para todo o comercio local

O vindeiro luns 3 de maio ás 12.30 h. presentarase no salón de plenos do Concello de Fene o proxecto "Pasea por Fene", que pretende axudar ás empresas locais a vender por internet e poder así adaptarse aos novos modelos de consumo. A iniciativa conta cunha axuda da Cámara de Comercio de España e permitiralles aos negocios e persoas autónomas do municipio poñer á venda os seus produtos na rede con tecnoloxía de última xeración para o comercio en liña. Ao mesmo tempo, o proxecto servirá de escaparate conxunto localizando toda a oferta do comercio e os servizos nun único punto, de tal xeito que non fará falla acudir a outros portais online ou a tendas de fóra do territorio para mercar grande variedade de produtos. Desde xa mesmo, todas as empresas do concello que queiran participar deste proxecto poderán facelo de xeito gratuíto. Para iso fará falla inscribirse previamente, ben accedendo a paseaporfene.gal ou ben acudindo á presentación do proxecto.

Ao evento deste luns poderán asistir presencialmente ata un máximo de 20 persoas, polo que será necesario facer reserva previa no correo info@sihaho.com, chamando ao 618 004 110 ou na web paseaporfene.gal, onde a presentación tamén se poderá seguir por medio de videoconferencia.

Paseaporfene.gal funcionará como unha plataforma multitenda en liña que dea soporte ao comercio local e que sirva de punto de venda na Rede.  Ao mesmo tempo, o proxecto busca reforzar a promoción dos establecementos baixo un mesmo paraugas e, á súa vez, proporcionaralle á clientela potencial unha ferramenta de compra local a través da Internet onde poderá atopar a oferta individualizada de cada un establecementos participantes.

Desde a Concellería de Promoción Económica e Turismo, dirixida por Ana Basoa, agárdase que esta acción sirva para axudar ao tecido local nestes tempos de crise que, ademais, supuxeron unha mudanza acelerada dos hábitos e dos medios de compra, máis orientados ao mercado en liña. Un cambio  que, porén, tamén ofrece unha grande oportunidade para o comercio máis próximo. Ese foi o motivo de que o Concello de Fene decidise impulsar esta nova ferramenta tecnolóxica e de comunicación concibida como un lugar polo que se poida dar un paseo virtual á procura de todo tipo de artigos.

A deste luns 3 de maio será unha presentación do proxecto, da web e das ferramentas dixitais que a sustentan. A partir de aí tamén se agarda a incorporación á plataforma do maior número posible de negocios, co obxectivo de que este novo marketplace virtual sexa representativo de toda a oferta, variedade e calidade que Fene xa ofrece de maneira presencial. As estimacións da Concellaría de Promoción Económica apuntan a que as primeiras vendas a través de paseaporfene.gal poidan producirse no mes de xuño.