O alumnado de atención sociosanitaria do obradoiro de emprego Reinicia VII comeza as súas prácticas laborais
12-05-2021
As dez persoas que participan no curso de certificación da profesionalidade "Atención sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións sociais" iniciaron hoxe mesmo as súas estadías prácticas nos centros de día de Ares, Caranza e Esteiro, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Durante os próximos catro meses terán a oportunidade de ver como é o traballo diario e, ao mesmo tempo, aplicar os coñecementos adquiridos na formación impartida dentro do obradoiro de emprego Reinicia VII, compartido polos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Mugardos e Neda. No marco deste programa intermunicipal de mellora das competencias e da empregabilidade tamén están facendo prácticas desde marzo as persoas inscritas na acción sobre traballos de carpintaría e moble.
O alumnado-traballador de atención sociosanitaria comezou a súa formación a finais de decembro para participar nun programa lectivo de contido teórico e práctico que se desenvolveu durante os últimos catro meses. Hoxe comezan outros catro meses de aprendizaxe, pero xa compartindo día a día con profesionais dos centros de día de Ares, Ferrol-Caranza e Ferrol-Esteiro, onde completarán 578 horas prácticas colaborando na atención ás persoas usuarias.
Unha vez superada esta última fase, as alumnas e alumnos obterán o certificado de profesionalidade que acreditará os seus coñecementos, requisito mínimo para poder incorporarse a servizos asistenciais privados ou para concorrer a postos ou listas de contratación en Servizos de Axuda no Fogar e centros de titulariedade pública.
Ademais, as competencias adquiridas tamén abren a porta a iniciativas de autoemprego nun dos ámbitos con maiores oportunidades laborais, especialmente nunha comarca coma a nosa caracterizada polo progresivo envellecemento da poboación.
En marcha tamén as prácticas de carpintaría e moble
Por outra parte, o alumnado da especialidade de "Traballos de Carpintaría e Moble" do Reinicia VII xa leva facendo prácticas desde o pasado mes de mazo. Son dez persoas que nestes momentos están ocupadas en varios proxectos dos que se beneficiarán as catro administracións promotoras -Ares, Cabanas, Fene, Mugardos e Neda-, como son a fabricación de novas fiestras para o mosteiro aresán de Santa Catalina, varias reparacións no paseo marítimo de Neda ou o deseño, cortado e montaxe de novo mobiliario para as oficinas municipais de Fene e Mugardos.
O Reinicia VII ofertou 20 prazas -10 en cada acción formativa- dirixidas a persoas maiores de 18 anos en situación de desemprego. O programa de inserción laboral conta cunha achega económica de 354.446 euros -7.500 para incentivos á contratación- procedente da Consellaría de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Traballo e Economía Social, a través do Servizo Público de Emprego Estatal.