O Pleno dálle luz verde ao cambio de uso da antiga Escola do Pedrón

O Pleno dálle luz verde ao cambio de uso da antiga Escola do Pedrón

Un dos asuntos tratados no pleno do pasado 6 de maio foi o cambio da cualificación urbanística da antiga escola unitaria do Pedrón, en Magalofes, co obxectivo de pasala de equipamento educativo ao equipamento social que xa viña tendo desde hai case 30 anos como sede do Radio Club Fene Alfa-Charlie. A mudanza na cualificación -aprobada por unanimidade- foi precedida da desafectación do inmoble como escola por parte da Xunta, de maneira que a partir de agora se poderá facer calquera intervención sen necesidade de autorización previa da Consellaría de Educación.

De feito, tal e como se explicou no pleno, o motivo principal de cambiar a parcela e o edificio dun uso educativo a un uso social responde a unha vella petición do Radio Club Fene Alfa-Charlie. A entidade ten cedidas as instalacións desde o ano 1993 e no 2012 solicitou autorización municipal para cambiar o soporte de formigón que sostén a antena de comunicacións.

Unha autorización que o Concello non puido conceder sen antes efectuar un cambio no PXOM que pasase a antiga escola de Equipamento educativo a Equipamento social. Porén, para poder iniciar ese trámite urbanístico primeiro foi necesario que a Consellaría desafectase o servizo educativo que aínda pesaba sobre a unitaria, a pesar de levar varias décadas sen alumnado.

Neste sentido, a primeiros do ano pasado o pleno aprobou a petición de desafección desta e doutras escolas utilizadas hoxe como locais sociais, aínda que segundo comunicou a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, só a de Magalofes constaba aínda como equipamento para o ensino. Finalmente, en novembro de 2020 Educación comunicou a autorización, de maneira que no pleno deste mes de maio xa se puido acordar o cambio na cualificación urbanística.

A mudanza de equipamento educativo a dotacional, ratificada por toda a Corporación, terá como consecuencia inmediata que o Concello poderá, nove anos despois, autorizarlle ao Radio Club Fene Alfa-Charlie a substitución do soporte da antena, que conta desde hai anos con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.