A praia do Coído contará este verán con máis de 2.000 metros de aparcamento

A praia do Coído contará este verán con máis de 2.000 metros de aparcamento

O Concello acordou co propietario a cesión dun terreo preto do acceso ao areal

A praia do Coído, situada en Limodre, é un dos areais máis concorridos de Fene por ser tamén o de maior extensión dos catro que hai na ribeira desta parroquia, aínda que quede algo escaso coa marea alta. Ademais tamén é dos mellores para o baño tal e como indican os datos da Consellaría de Sanidade, que cualifican a calidade das súas augas -e tamén as das outras tres praias- como excelentes. Porén, o Coído ten un problema: case non hai sitio para aparcar, a non ser na beira da estrada. Por sorte este inconveniente vai camiño de amañarse de cara a este verán despois de que a Concellaría de Urbanismo conseguise a cesión dun terreo que porá a disposición dos e das bañistas 2.116 m2 de estacionamento preto do acceso principal.

O acordo alcanzado co titular do terra ten a mesma finalidade que os asinados recentemente na zona urbana, de cara a dispoñer de zonas de aparcamento disuasorio que, neste caso concreto, tamén evitará o amoreamento de vehículos durante o verán na estrada que discorre paralela ás praias de Río Sandeu, o Coído e Almieiras.

A primeira e maila última teñen espazos próximos nos que deixar o coche, pero na do Coído non hai esa posibilidade, a non ser que se aparque nas cunetas -anchas abondo, por sorte- ou nas boqueiras das fincas. Agora, co convenio que se suscribirá nestes días, disporase de algo máis de 2.000 metros cadrados a escasos 50 metros da baixada á praia, que terán capacidade para o estacionamento de aproximadamente un cento de vehículos.

A cesión será gratuíta por un período de catro anos prorrogables despois por acordo das partes, de maneira que o Concello poderá habilitar a zona e utilizala sen ter que satisfacer ningún tipo de canon ou arrendamento, ao tempo que o titular do predio se libra de ter que mantelo limpo de maleza.

A intervención será mínima, limitándose á roza da parcela e á estensión dunha capa de saburra compactada. Os informes técnicos municipais están xa listos, pero previamente ao inicio dos traballos será necesario obter as correspondentes autorizacións da Demarcación de Costas e da Xunta de Galicia. O Goberno local agarda que estes trámites non se demoren, co obxectivo de poder preparar o firme e os accesos antes de que comece a temporada estival.