O próximo 9 de xuño comeza unha nova edición do proxecto INDIRA – Espazo de Encontro e Apoio Emocional Entre Mulleres

O próximo 9 de xuño comeza unha nova edición do proxecto INDIRA – Espazo de Encontro e Apoio Emocional Entre Mulleres

O Servizo Municipal de Atención á Muller, dependente da Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Fene, informa do inicio dunha nova edición do Proxecto INDIRA, actividade dirixida a mulleres de Fene e bisbarra e subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo. O programa, que se desenvolverá do 9 de xuño ao 30 de setembro, artellarase en base a encontros semanais, nos que se abordarán diferentes temas e actividades relacionados con sexualidade e a saúde feminina, as intelixencias múltiples, as emocións, a violencia de xénero, as relacións persoais, o autocoidado, etc.

“Proxecto Indira” é un espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, medrar xuntas, relaxarse e gozar. É unha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, “co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar”.

Esta nova edición de Indira contará con todas as garantías de seguridade, hixiene e distancia interpersoal. O número máximo de mulleres que poderán participar na actividade será 15, atendendo ao aforo permitido e á normativa derivada da crise sanitaria da COVID-19. A selección de participantes será por rigorosa orde de inscrición, tendo prioridade as veciñas de Fene aínda que, no caso de que non se cubran as prazas, poderán participar mulleres doutros concellos.

O Proxecto estará guiado por dúas psicoterapeutas con ampla formación e experiencia en Igualdade, Sexualidade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento e Terapia do Reencontro, entre outras. A coordinación do proxecto será por parte da psicóloga municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade.

O programa de encontros comezará o día 9 de xuño, cunha primeira xornada de presentación no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene para logo continuar dende o 10 de xuño até o 30 de setembro de 2021, os martes e xoves de 10:00 h a 12:00 h.

Para formalizar a inscrición pódese facer ben por teléfono: 981342607 / 981492706 ou por email: smam@fene.gal, axuntando a ficha de inscrición.

Esta actividade non ten ningún custe económico para as participantes, xa que está subvencionada integramente pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Máis Información: Servizo Municipal de Atención á Muller – Centro de Servizos Sociais. Av. Do Mar Bloque 1-baixo – San Valentín. Tf.: 981342607-981492706


Descargas