Fene únese ao apagón para concienciar sobre o cambio climático
04-06-2021
A acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade polo Día do Medio Ambiente encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’
O Concello de Fene uniranse este sábado, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Deste xeito, suspenderase a iluminación pública do consistorio fin de concienciar sobre o consumo enerxético. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.
Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 5,8% no ano 2020, tratouse dun descenso coxuntural debido á paralización da actividade por mor da Covid-19, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía para evitar o impacto ambiental que supón producila. Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos.
En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a protexer os ecosistemas, que é o tema no que este ano se centra o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema ‘Reimaxina, rexenera, restaura’. Ademais, o “apagón” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se impulsarán nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’ e que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Búscase así contribuír a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e, en especial, ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.